.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Cunqueiro: vida, literatura e melancolía
Miguel-Anxo Murado
Cunqueiro, que amaba o anacronismo literario, tivo a sorte de nacer nun. En 1911 Mondoñedo era iso: un anaco da Galicia medieval onde familias como a súa vivían a vida de personaxes de novela do XIX, entre libros, tertulias de rebotica e misas. Fidalga e labrega, adormecida e excéntrica, Mondoñedo é o punto de partida dunha obra que sen embargo é universal, porque nace a medias da charla de barbería e a medias da biblioteca.
A formación de Cunqueiro foi, efectivamente, a dun vello erudito de provincias, só que Cunqueiro a adquiriu cando era un neno. Así, a súa primeira obra, hoxe perdida, é unha novela do Oeste (os indios falaban galego, os vaqueiros castelán). No bacharelato en Lugo é xa un rapaz enchoupado de literatura que viste un chaleco amarelo coma o do Werther de Goethe, un esteta que se imaxina n unha “ágora ateniense” onde pasea con Pimentel e Fole. Santiago, en cambio, onde estudia a partir de 1927, é o encontro coas poses artísticas: vangardismo, bohemia, e cuncas de ribeiro.Poemas do si e non é un gran libro de poeta mozo, Cantiga nova que se chama riveira, e xa o dun virtuoso (Torrente di que llo viu escribir seguido nunha noite).
Cunqueiro participa tamén entón no movemento galeguista daqueles días, escribindo e editando xornais. Pero os que queren ver aquí ó verdadeiro Cunqueiro que logo abandonará as súas ideas, malinterpretan a natureza do seu galeguismo. Este era unha mestura de amor físico pola paisaxe (el mesmo presentouno como unha epifanía, ó ver o mapa de Fontán no Instituto) e, sobre todo, un medievalismo político, católico e “naïf”, anacrónico e cheo de beleza estética, que lle facía ver Galicia como un reino imaxinado, soberano e universal na súa cabeza. A este galeguismo romántico e antimoderno é ó que permaneceu Cunqueiro fiel toda a vida, maltratado pola seguinte xeración de intelectuais galegos, que durante anos miraron con condescendencia (e ás veces con hostilidade) ó escritor solitario.
O paso de Cunqueiro pola Falanxe do 36 é igual de enganoso: foi circunstancial e durou pouco. Unicamente serviu para levalo a Madrid, seguindo ás tropas como redactor ata recalar no ABC. Neste difícil Madrid dos anos corenta, Cunqueiro intentará iniciar unha carreira seria como escritor nun panorama literario pobre no que estaba destinado a brillar. E así é ó principio: a Cunqueiro ábrensellese portas (sobre todo, a revista Vértice), e inicia unha obra en prosa modesta pero xa prometedora: El caballero, la muerte y el diablo, Balada de las damas del tiempo pasado … E de repente, todo se derruba. Cunqueiro frecuentaba ós importantes da cultura do réxime (Sánchez Mazas, Montes), pero no fondo seguía sendo un bohemio cun toque algo irresponsable. A lenda di que quixo estafar á Embaixada Francesa. A realidade foi moito máis inocente, pero o Réxime castigouno con dureza, retirándolle o carné de prensa. A carreira de Cunqueiro estaba acabada ó pouco de empezar, e no medio dunha fonda depresión, foise a Mondoñedo como quen renuncia á vida.
Desta depresión, precisamente, naceu Merlín e familia, a novela máis importante de toda a literatura galega. “Tal e como agora eu vou, vello e anugallado…” empeza o libro; era como se vía Cunqueiro ós seus 44 anos. A depresión, embelecida na forma de melancolía, impregnará xa para sempre o resto da prosa galega cunqueiriana: Merlín, Simbad, o Sochantre, son homes solitarios que soñan lugares afastados, historias fabulosas, pero que tamén atopan beleza nos detalles da vida simple e nos pequenos agasallos da natureza. Esa melancolía esperanzada é a verdadeira maxia cunqueiriana.
Así como se ten valorado xustamente ós amigos que, como Fernández del Riego, animaron a aquel Cunqueiro desanimado a escribir, igualmente é xusto dicir que a súa correspondencia deses anos revela tamén as frustracións, os atrancos e a relativa falta de eco que padeceron os seus tres grandes libros dos anos 50. Cunqueiro salvou á narrativa galega, pero a Cunqueiro terán que salvalo o xornalismo e os cataláns. Son ese amigos (Perucho, Luján), quen o sacan a pasear por un certo cosmopolitismo que ten a Barcelona por centro. As novelas en castelán de Cunqueiro que seguirán (Las mocedades de Ulises, Un hombre que se parecía a Orestes, Fanto Fantini…) son en parte gratitude a ese primeiro recoñecemento e en parte o cuarto intento de Cunqueiro por retomar unha carreira literaria. Pero son os tempos da novela social, e a pesar de gañar o Nadal en 1968, para Madrid Cunqueiro é unha curiosidade e pouco máis (a débeda coa súa obra en castelán segue impaga). É tan só o seu don prolífico para o artigo de prensa o que permite a Cunqueiro gañarse a vida. Será finalmente outro amigo da conexión catalana, o xeneroso xornalista Cerezales, quen o leve a estabilidade no Faro de Vigo nos anos sesenta, diario que Cunqueiro chegará a dirixir más tarde.
Cunqueiro director dun diario… Case parece unha broma, porque non ten habido seguramente persoa menos interesada na actualidade que este escritor coa cabeza posta nas boticas do Renacemento ou nas cociñas de Catalina de Medicis. En realidade, Cunqueiro dirixía o xornal a través do xove Armesto Faginas e reservábase a tarefa de escribir sobre unha actualidade imaxinaria, ese fardel de colaboracións literarias que son un tesouro de poesía, erudición e mestría técnica. O Cunqueiro narrador galego foi finalmente recoñecido, pero o cunqueiro articulista tamén segue por descubrir.
Nos seus últimos anos, Cunqueiro, diabético, non se coidou. As “mil primaveras” para a lingua galega que figuran no seu epitafio, puideron ter sido algunhas máis. Aínda puido coroar con Os outros feirantes en 1979 a súa triloxía de “semblanzas”, esa apoteose literaria do labrego lugués; logo, deixou o mundo para ir a esa “outra banda do río” da que escribiu nun dos seus mellores poemas, deixando unha das obras máis orixinais da literatura do século XX, un século con que nunca se entendeu ben.
|