.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Guerra de masas, cultura de masas
Miguel-Anxo Murado
Resulta chamativo que a Segunda Guerra Mundial a penas producise unha literatura memorable. Con algunhas excepcións (Heller, Mailer, Dos Passos, algo da literatura do Holocausto) o seu reflexo nas letras non pode compararse coa profundidade dos textos nacidos na guerra precedente (Owen, Jünger, Hemingway). Pero isto tamén é parte da súa esencia porque se a Primeira Guerra Mundial foi unha guerra de masas, a Segunda foi unha guerra de masas nunha cultura de masas. O seu recordo conservouse sobre todo no cine, que acadara a súa madurez como espectáculo pouco antes.
É significativo que, durante a contenda, os Estados Unidos o equiparasen a industria cinematográfica á de armamento, ó darlle a categoría de “sector estratéxico”. O resultado é o cinema bélico dos anos 40 (Obxectivo Birmania, Destino Tokio, The Malta Story), un cine propagandístico onde se embelece e exalta a guerra nunha medida que quizais non ten parangón na Historia. Este cine legounos unha imaxe pletórica de idealismo e unha certa inocencia que se corresponde en realidade co comezo da contenda. O seu final, do que se cumpren agora sesenta anos, quedou sen embargo esquecido para arte ata hai ben pouco.
Foi, desde logo, un final estraño. O da Primeira Guerra Mundial dera paso ó pacifismo, ó convencemento de que aquela fora “a guerra que ía acabar con todas as guerras” que fixo posible unha literatura sincera sobre o horror dos campos de batalla (Graves,Sassoon, mesmo entre os vencidos, como Remarque e Toller). No remate da Segunda Guerra, en cambio, o simple xesto de empezar a numerar os conflictos mundiais era xa significativo do pesimismo que dominou aquel abril de hai sesenta anos. Supoñía a aceptación de que a guerra era, e sería, un fenómeno recorrente e de que, quizais, pronto habería unha terceira. Como sabemos, hoúboa, e durou ata hai quince anos.
Esta guerra fría condicionou enormemente a literatura da posguerra, dominada por unha inflación de libros de historia militar e crónicas do valor individual, o mundo das Hazañas bélicas coas que se educaron os nenos ata a miña xeración. Peter Novik conta como Hollywood e os escritores norteamericanos dos anos corenta e cincuenta resistíanse a tratar o Holocausto por consideralo un tema “sospeitoso de bolchevismo”. Na URSS, naturalmente, a censura era moito máis real aínda e só deixou espacio para o patriotismo e Sholokhov. Canto a Alemaña, que iniciou timidamente a recuperación da súa memoria nos sesenta, non foi ata hai pouco (Fest, Sebald) que se permitiu a si mesma recordar o seu sufrimento. Isto fai que, aínda sesenta anos despois, o mundo siga descubrindo, esquecidas en medio das ruínas, algunha bomba enferruxada que non estoupou e algunha que outra historia que non se contou.
|