Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Castellano
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Xerusalén. Cidade da loucura, cidade da destrucción

Miguel-Anxo Murado

(Intervención perante o Congreso Galeuzca 2004, en Ourense; posteriormente publicado pola revista GRIAL)

QUERO COMEZAR por pedir perdón ós amigos cataláns e vascos porque non tiven tempo de escribir a miña intervención ata hai un par de días, cando xa era tarde para facerlles chegar a eles unha traducción. Pero estou seguro de que non terán dificultade en seguirme se falo en galego.

Vou falar de Xerusalén, por dúas razóns. Unha delas é a fascinación que esperta. Non a miña, porque non é a cidade que máis me fascina, senón porque fascina a moita xente e eu comprendo esa fascinación, que a ten, por suposto. A min tamén me fascinou durante anos, antes de coñecela; pero o certo é que despois de ir parar aló, por casualidades da vida máis que por decisión propia, a miña relación con Xerusalén é máis ben de amor-odio. Botei aló cinco anos, e como digo cheguei a Xerusalén por unha casualidade, de feito por un erro administrativo que é unha curiosa maneira kafkiana de ir parar a unha cidade tan kafkiana como é Xerusalén. Eu traballaba entón para as Nacións Unidas, como oficial de prensa, e estaba destinado inicialmente a Mauritania pero por unha equivocación, acabei traballando en Ramallah, en Cisxordania. (Aínda teño na casa un monte de guías e de libros de Mauritania, que é agora para min un lugar mítico porque sei moito dese país pero nunca estiven e témome que non chegarei ir nunca, e iso que sei algunhas frases nas linguas locais, que é un dos meus coñecementos máis inútiles).

Xerusalén. ¿Que dicir de Xerusalén? Hai moitas cidades que son míticas: París, Londres, Nova Iorque ou Tokio, son cidades míticas. Pero Xerusalén non é unha cidade mítica, é, por dicilo dalgunha maneira, un mito no que a xente vive, (ou sobrevive). Xerusalén é a cidade máis representada na historia da pintura (case sempre, por certo, moi diferente a como é en realidade) e en moitos idiomas, por exemplo en inglés, o seu número utilízase como metáfora da cidade perfecta (eu sempre me lembraba disto cando estaba parado nun dos terribles atascos do tráfico que se poden organizar na rúa de Iaffa, Xerusalén é unha cidade moi caótica, non deixa de ser unha capital de Oriente Medio). Abonda lembrar que durante mil anos da Historia de Europa, Xerusalén figuraba exactamente no centro dos mapas, seguindo unha cita da Biblia, do libro de Ezequiel en concreto, onde di que Deus puxo a Xerusalén en medio de todas as outras nacións. E de feito, para esa cultura cristiá, o centro dese centro era o Santo Sepulcro de Xerusalén, e o centro dese centro está marcado por un vaso con auga bendita que está na sala do Catolikón. (A min ocorreume unha vez que, estando na Igrexa do Santo Sepulcro, unha rapaza rusa se me achegou e para facerme, seguramente, a pregunta máis estraña que me fixeron nunca: “¿Me podería dicir onde está o centro do mundo?”).

Pero é que, de feito, este mito, a forza de crelo, de escribir sobre el, de literaturizalo, acabou converténdose en realidade. E isto é quizais a clave de Xerusalén e a segunda razón pola que elixín falar de Xerusalén: porque Xerusalén é unha cidade creada polos libros, inventada polos escritores, unha ficción que se acabou convertendo en realidade. A proba é que Xerusalén segue a estar no centro do mundo. Abonda prender a CNN ou a BBC en calquera momento e agardar un pouco, e aí está a Cúpula de al-Aqsa. Xerusalén é o centro da información do mundo, simbolicamente o centro da política mundial e o seu conflicto é a metáfora de todo conflicto. Mesmo a expresión “Liña verde”, que é como se chama á divisoria imaxinaria que separa os barrios árabes dos barrios xudeus en Xerusalén, é xa unha expresión que se utiliza para calquera situación similar, e así se falaba da “liña verde” en Beirut, da “liña verde” en Saraievo, agora da “área verde” en Pristina e en Bagdad. (Que a cor sexa a verde é unha casualidade, era a cor do rotulador que tiña Moshe Dayan cando, na noite do armisticio da guerra de 1948, acordou co comandante xordano unha liña de cesamento de fogo nun mapa. Por certo que, polo visto, trazou a liña sobre as costas dun soldado palestino, e non é broma. E isto non só é simbólico, tamén resultou en que o rotulador, segundo as testemuñas, saltou en varios puntos e logo houbo ducias de mortos para fixar os límites nesas áreas. Ese é un exemplo ben real do que os posmodernos chaman “o poder creador do mapa”, e tamén é un exemplo de como Xerusalén é unha obra da literatura, da pintura, dos símbolos).

Eu vivín dos dous lados da Liña Verde, catro anos no sector árabe, no barrio de Wadi Iooz, que é onde cren os musulmáns que será a fin do mundo (eu moitos días pensaba que polos menos tiña esa avantaxe: que me quedaba preto); e logo algo máis dun ano no sector xudeu, no barrio de Musrara, que é un lugar peculiar porque son as casas dos antigos magnates palestinos que foron confiscadas polos israelís na guerra do 48. Realmente son dous mundos, son dúas cidades que, literalmente, viven de costas. Para ir da unha á outra hai que dar rodeos, porque non existe nin sequera unha rúa que as conecte claramente. Os taxistas israelís non te levan á parte árabe (isto xa antes da Intifada e non digamos desde que a intifada comezou), e os únicos palestinos que van á parte xudía son os que traballan de cociñeiros nos restaurantes israelís, e aínda así van en grupos porque teñen medo. Os únicos veciños que Xerusalén que cruzábamos dun lado a outro con frecuencia eramos a comunidade nacional dos expatriados: os xornalistas, os cooperantes da oenegués, os diplomáticos e os arqueólogos, que eramos, como digo, unha comunidade nacional alí, (e por certo que a máis unida). Isto, a min en concreto, proporcionábache unha sensación moi peculiar: unha sensación de omnipresencia, ou como a sensación de vivir dúas vidas, unha no ano dous mil e pico, que era o ano no que se atopaba o calendario xudeu, e outra no século XV, que é por onde anda o calendario musulmán; e tamén a sensación de non estar en ningún lugar e en ningún tempo por outra parte, de atoparme nunha especie de limbo.

E é que esta confusión do tempo e do espacio é outra das característica de Xerusalén, penso eu. Polo feito precisamente de ser un lugar presente nos soños da civilización occidental (eu considero a cultura islámica unha civilización occidental, que é unha razón adicional pola que me parece unha parvada todo canto se di do “choque de civilizacións), como digo, por este feito, Xerusalén é un amoreamento de metáforas doutros lugares. Hai unha pequena Armenia na cidade vella, onde a min gustábame ir para escoitar as misas cantadas nesa lingua que me resulta moi fermosa; hai unha pequena Etiopía no tellado da Igrexa do Santo Sepulcro, onde os monxes coptos cristiáns reproduciron con cemento as cachoupas típicas do seu país. Están os rusos ortodoxos, os gardas negros da mesquita e as súas familias, que son tradicionalmente sudaneses. E na parte xudía están os barrios dos ultraortodoxos, onde seguen divididos polas cidades de Lituania ou de Polonia de onde procede, e que non se soportan e dedican o tempo a rezar e maldicirse entre eles...

Ese collage de Xerusalén non só se ve nas xentes, tamén na arquitectura da cidade, que está chea do que se chaman “aberracións arquitectónicas” pero que a min era unha das cousas que máis me gustaban. Desde a miña primeira casa, por exemplo, víase, sobre o Monte das Oliveiras, un castelo do Rhin: O Hospital Augusta Victoria, que construíu o Kaiser de Alemaña, e ó lado a Igrexa do Dominus Flevit, que é unha catedral rusa con cúpulas douradas. E moi preto da miña segunda casa estaba o que se chama o “Hospital Italiano”, que construíu Mussolini e que é unha réplica exacta do Palazzo della Signoria de Florencia; ou a Igrexa de Saint George, que é onde rezan os palestinos anglicanos (tamén os hai) e que é unha réplica dun colexio maior de Oxford. E así sucesivamente.

Todo isto, como digo, colabora nesa confusión do tempo e do espacio. Por suposto que todas as cidades teñen historia, pero nunha cidade como Santiago ou como Barcelona a historia é algo que está ou separado e identificado como tal para que a xente a admire e a visite, ou integrado na vida moderna da cidade segundo os casos. En Xerusalén non é así: o pasado e o presente son indistinguibles e un flota sempre nunha especie de deriva, como se estivese nun lugar abstracto no que ademais todo se repite de forma circular. E de feito, hai unha constate rememoración dos feitos do pasado como se fosen o presente. Eu ía comprar CDs pirateados á Cidade Vella, a un sitio que había na Via Dolorosa, xusto ó lado de onde Xesús caeu por segunda vez, e vía os peregrinos cristiáns subir cunhas cruces ó lombo que lles alugaban no Santo Sepulcro para que rememorasen a paixón de Cristo. Pero é que logo vías ós israelís fanáticos atacar ós palestinos no aniversario da destrucción do Templo como se o Templo acabase de se destruído ese mesmo día e a OLP tivese algo que ver con esa destrucción.

Que por certo é outra idea obsesiva da cidade: a idea de destrucción, de aniquilación, de apocalipse. Xa dixen antes que eu vivía no lugar no que se ía acabar o mundo para os musulmáns. O dos cristiáns está unhas rúas máis aló e un pouco máis alá o dos xudeus. (Naturalmente, eu pensaba sempre que, de suceder a fin do mundo, sería para todos ó mesmo tempo). Ben, pois esa atmosfera apocalíptica pódese percibir realmente en Xerusalén. Na parte xudía hai catro ou cinco tipos, trastornados, que decorren o peatonal de Ben Iehuda dicindo que vai chegar o Mesías e que a fin do mundo está próxima. (Eu, despois de xa varios anos de velos, admiraba desde logo a súa paciencia). Seguramente escoitastes falar do que se coñece como o “síndrome de Xerusalén”: son persoas que, sen ser necesariamente moi relixiosas, sofren un trastorno mental ó chegar á cidade e de repente crénse Xesuscristo, ou María Magdalena, ou o Rei David. Ingrésannos a todos nun hospital psiquiátrico, o de Givat Shaul que non é un hospital en realidade, senón unha aldea palestina que foi arrasada polos israelís no 48 e convertida entón en hospital para albergar ós poucos que sobreviviron e quedaron trastornados...

Non é porque si. Xerusalén é a cidade da loucura, e tamén é a cidade da morte. E nos anos que eu pasei alí, durante esta Intifada, érao dunha maneira moi real. Sobre todo no tempo das bombas en Xerusalén, cando era rara a semana en que non saltaba polos aires un autobús ou unha cafetería, ás veces dúas ou tres veces por semana. Xerusalén é unha cidade relativamente pequena, e como di a panxoliña son varios outeiros, polo que as explosións se escoitan en toda a cidade. Desde logo, a guerra era, e é, moito máis tráxica para os palestinos nos Territorios Ocupados, onde teño visto cousas terribles, aldeas devastadas, cidades bombardeadas, centos de homes carretados en camións para os campos de concentración do deserto... Pero simbolicamente hai unha metafísica especial no atentado, porque é unha morte que chega inesperadamente, e de forma instantánea. A explosión dunha bomba, e isto é algo que teño pensado moitas veces, é como unha pequena apocalipse, como unha pequena fin do mundo, (entre outras cousas porque foi así como o mundo comezou, cunha gran explosión). Eu cheguei a presenciar dúas destas explosións: na rúa de Iaffa vin saltar polos aires a cafetería Sbarro e, no mesmo lugar, exactamente, vin desintegrarse a Wafa Idriss, a primeira muller suicida palestina. E logo, tocoume cubrir innumerables destes atentados, e invasións, e bombardeos, e execucións sumarias... (Quizais é normal que para min Xerusalén estea tan vencellada á idea da morte.)

Ás veces resultábame case insoportable. E entón só había dúas opcións: ou facíamos unha festa na casa de alguén ou collías o coche e saías da cidade, e o que te atopabas entón creo que tamén era moi significativo: era o deserto. Porque Xerusalén, e é algo que moitas veces se esquece, é unha cidade no deserto. Está rodeada, literalmente, da nada. E o deserto vai ademais avanzando. De feito, ata o podes mastigar cando sopra o “khamsin”, que é o vento caloroso da primavera que trae area. (As pedras da Muralla Turca están máis brillantes pola cara Leste, precisamente porque o vento do deserto leva centos de anos roendo nelas.) E todo, en definitiva, todo isto, toda esta confusión do tempo e do espacio, este limbo melancólico no que, na miña opinión, se atopa atrapada a cidade de Xerusalén fan que, por máis que un se empeñe en non velo así, acabe sendo o que di o mito que é: a cidade de Deus. E témome nun moi mal sentido da palabra. Dicíao Arthur Koestler, o escritor húngaro, que viviu en Xerusalén nos anos trinta e que cuñou un termo moi preciso pero moi difícil de explicar que é o da “tristura de Xerusalén”, o que un portugués houbese chamado “a saudade de Xerusalén”. Dicía Koestler que ó marchar da cidade para sempre e volver a vista atrás o que viu foi un lugar inclemente subido a un monte, como un altar sacrificial, a imaxe en pedra da voz de Deus. Eu estou de acordo con Koestler, aínda que prefiro o comentario que fixo Mark Twain cando visitou a cidade, e que é o comentario co que xa remato. Dicía Mark Twain que os cristiáns ben poden deixar de esperar o regreso do Mesías porque, dicía el, “se estivo unha vez non creo que volva”.

 

  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................