Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Castellano
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................

Prólogo de Bestiario

En 1984 pasei varias tempadas en Salamanca, onde eu tiña unha moza e o meu irmán Antonio estudiaba Arte. Pasabamos o día vagando de café en café e de libraría en libraría, sempre fuxindo do frío da cidade en inverno. Nunha das librarías de vello preto da Plaza Mayoratopei un volume do Bestiario de Amor de Richard de Fournival. Era un deses libros nos que o lector se ten que ir abrindo paso cun coitelo (as follas estaban pegadas) como se se tratara dun explorador na xungla.

Ó instante quedei namorado do bestiario como xénero. Como se sabe, naceu no s. II, co anónimo Physiologus. Consiste nun catálogo ilustrado de animais, moitas veces fabulosos, dos que se describe o comportamento. O bestiario cultivouse sobre todo ó longo da Idade Media. Para nós, hoxe, son obras literarias; pero entón era unha das formas que adoitaba a ciencia. Tamén a moral: os animais dos bestiarios servían como símbolos de conceptos teolóxicos e filosóficos (o de Fournival é, precisamente, o primeiro que afronta, no século XII,unha temática profana). Interesábame esta mestura de Ciencia e fantasía, de ilustración e poesía.

Tamén me gustaban entón as series de cousas, a retórica dos libros sagrados e medievais, a poesía chinesa (que lía na célebre antoloxía de Marcela de Juan), o haiku xaponés, a linguaxe específica da filosofía e a ciencia, as adiviñas. Todas estas influencias pódense detectar na escritura do Bestiario.

Non quería facer un pastiche, senón redactar un bestiario moderno. Ó principio o texto refírese a animais (animais correntes neste caso, non fabulosos), pero logo vai movéndose lentamente a outros obxectos, e por último a conceptos abstractos. Tamén o texto debía reflectir esa progresiva concentración e conceptualización: o discurso retórico dos fragmentos iniciais vai dando paso a fórmulas cada vez máis sinxelas, ata acabar no aforismo.

Redactei a maior parte do texto nas cafeterías de Salamanca (o “Monroy”, onde tomaba café Don Gonzálo Torrente Ballester). Entón chegáronme noticias dos disturbios daquel ano Compostela e volvín no tren para tomar parte naquela algarada estudiantil polos prezos dos alugueres. O libro quedou interrompido, pero o completei no “Café Azul” de Compostela. Como dixen, escribía nos cafés non tanto por cuestións de romanticismo como de calefacción.

Foi doado convencer ó meu irmán Antonio de que preparase as ilustracións. El tamén estaba interesado entón nas series, na relación entre abstracto e concreto, nos xéneros do pasado (siguen sendo os temas da súa pintura). Eran entón os anos do posmodernismo en arte, e non me avergoño de dicir que, no meu caso inconscientemente, estabamos algo influídos por esa corrente.

Tamén foi fácil, e isto é máis sorprendente, convencer a un editor para que sacase o libro de contado e na forma en que nós queriamos. A penas viu a obra, Luis Mariño, entón director de Edicións Xerais, decidiu publicala. A edición, en gran formato e con tantas ilustracións, foi una rareza no momento. Chamou a atención, sobre todo, dos poetas galegos, a pesar de que o Bestiario a penas se pode encadrar na lírica. Xavier Seoane e Vicente Aragüas, en particular, escribiron reseñas moi eloxiosas que lle deron ó libro unha efímera popularidade.

Algúns anos máis tarde, a profesora Carys Evans interesouse polo texto e fixo unha magnífica traducción ó inglés que a Edwin Mellen Press publicou en Nova Iork en 1990.

Para min é difícil, ás veces, enfrontarme con este texto de adolescencia (tiña 18 anos cando o escribín). O seu pesimismo case nihilista é un pouco característico dos efectos desa idade nun escritor. Por fortuna, foi un pesimismo moi pasaxeiro. A melancolía que destila o libro, sen embargo, non fixo máis que aumentar. Vinte anos fan que calquera obra se tinga de melancolía para o seu autor.

O texto que se presenta aquí é o orixinal de 1986 sen variacións. Os únicos cambios son algún axuste linguístico (a normativa non estaba entón completamente clara) e a simplificación do título.

Miguel-Anxo Murado

Xerusalén (Palestina), 2002

 



<< volver

  .........................................................................................................................................

..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................