...........................
Artigos |
...........................
Libros |
...........................
Cine e Televisión |
...........................
. |
...........................
Acerca de |
...........................
Enlaces |
...........................
Contacto |
...........................
. |
...........................
Castellano |
...........................
Inglés |
...........................
. |
|
...........................
. |
...........................
. |
...........................
. |
|
.........................................................................................................................................
A sociedade do arroz (Caderno de Xapón)
Por F. Martínez Bouzas
Aínda que, tal vez, nos andeis dunha libraría ficase confinado na sección de Turismo, Caderno de Xapón non é en absoluto unha guía para visitantes vacacionais nin tan sequer (ou non só) un libro de viaxes, se ben que xa sabemos -p. ex. desde Chatwin, “En la Patagonia”,- que aí poden entrar moitos máis elementos (inventados,transliterados, novelescos, a fantasía poética...) dos que a simple crónica verista da vida e da xeografía que visitemos nos pode aportar. “Este non pretende ser un libro sobre o Xapón e menos aínda unha análise dese país e desa cultura...Son simplemente, as notas tomadas durante unha estancia...cunha lóxica interna: a da impresión, a do impulso do momento. Non escribo, xa que logo, sobre como é o Xapón, senón da impresión que produce... Son só notas”, dí o autor nunha xustificación inicial para o lector á vez aclaratoria e orientativa, pero en calquera caso desacertadamente modesta. Non, non son só notas. Caderno de Xapón preséntase como un libro case académico (repertorio bibliográfico, apéndices acerca da historia catastrófica do Xapón, do catálogo de obrigacións e os seus recíprocos, da pronuncia) que é a crónica dunha viaxe, un ensaio sociocultural, unha aproximación etnolóxica, unha oportunidade para a reflexión aguda, e ademais, un agradecido exercicioliterario que se executa a través dunha partitura límpida, ausente de pretenciosidades ou sofisticacións intelectualoides, sinxela e medida, de grande contención e riqueza de timbre.
Estructurado a xeito dun diario que segue a sucesividade xeográfica e cronolóxica dos lugares (a visión deste o aire ao chegar, en Yokohama, en Toquio, en Kyoto, visitando xardíns, nunha forxa de espadas en Kamakura, nun templo...), Murado vai tecendo as súas “impresións” sobre o que ve ou sente dun xeito natural e fluente; as vivencias non se finalizan nin conclúen – aínda que tampouco fiquen interrompidas- senón que dan paso a novas evocacións que se proxectan a partir de calquera alusión ou dato mínimo ofrecido pola realidade contemplada, ao xeito dunha engrenaxe sen fin. A obra finaliza cando a viaxe, no sentido de traslación fisica, remata, pero poderíase estender moito máis ou rematar antes. E isto é así porque non está elaborada a base de asertos ou demostracións absolutas, de continuidade imposible (“o que é, é, e non pode ser doutra forma”) senón de sensacións e asombros cheos de boa vontade.
Murado accede ao Xapón non como un turista acumulador de instantáneas reafirmadoras dun egotismo superficial e aparentador, nin tampouco co idealismo ventureiro e inxenuo dos viaxadores románticos, buscadores de paraísos que presumían – por distantes e estraños - incontaminados e puros, reveladores; a súa é unha expedición documentada, elaborada, advertida e que, xa en posesión de elementos de saber, lle permite verter sobre el a súa ollada libre e curiosa (tamén, certamente, entregada e predisposta), preparada para visualizar -non simplemente ver- e sentir os fluídos íntimos dun país e dunha cultura. O autor chama a isto Notas=impresións, impulsos do momento, sensacións...Nós non. Caderno de Xapón é máis do que iso e mais trascendente.
O Xapón que aquí se nos presenta non obedece, máis ben combate, á visión occidental que o percibe cada vez máis como un país en progresivo desarraigo e perda da identidade propia e ancestral, reducida a unha mera ritualidade formal e onde todo se limita á copia do occidental, ao gregarismo e a unha cerimoniosidade atafegante e teatralizada. Deixando de lado esta visión desaxustada e eurocéntrica, que se limita á pura externidade, espectáculo e incomprensión, Caderno de Xapón apunta cara as profundas vetas, de enorme complexidade simbólica, ideolóxica e social, que alicerzan esa estructura chamada Xapón e sitúanos diante dunha tradicionalidade presente nas máis modernas manifestacións e que se resiste a morrer (“Non é a América dos anos cincuenta.É o Xapón medieval, estrañamente ataviado”, páx. 29). O lector poderá experimentar como achegándoses ao Xapón – porque del se trata aquí, pero o mesmo vale para calquera outro lugar- e ás súas formas e imaxes, introducíndose nelas, podemos, por contraposición, entender ou asumir mellor certas formas e imaxes que nos pertencen. O outro, o alleo como factor de iluminación e aclaración do noso, do propio. Só por estas suxestións de pensamento xa se xustificaría a súa lectura.
Caderno de Xapón incita a abrir os ollos e sitúanos diante dunha realidade histórica que para Occidente pasou directamente de Cipango (Zipangu) a Xapón sen nunca ter sido Nippon ou Nihon. Isto é pasou da fantasía á imaxe deturpada sen parada na realidade.
<< volver
|