| |
.........................................................................................................................................
Notas para A grande noite de Fiz
(Notas para o programa de man)
Para min, escribir foi sempre un esforzo. E sen embargo, escribín “A grande noite de Fiz” en moi poucas semanas, creo que porque a tiña no corazón. Quería armar unha trama de enredo, unha obra lixeira, quería facer rir. Pensaba no teatro latino (as comedias de Plauto), e na Commedia dell’Arte, nos espectáculos de marionetas que vía co meu irmán Antonio nas tardes de verán, cando nenos, na Praza de Santa María de Lugo. Pensaba tamén na comedia cinematográfica americana. Todo iso quixen meter nesta obra. Pero sobre todo quería facer rir.
Precisaba dun asunto, e decidín non inventar un, senón facer como os antigos: tomalo do repertorio para darlle unhas voltas. Hoxe, cando a necesidade de ser orixinal é case unha enfermidade, non se comprende facilmente a cuestión: a idea é que existen uns poucos temas que retan a imaxinación do autor, que este os vai enriquecendo (ou empobrecendo) con novas variantes, e desa maneira ninguén queda esquecido, a literatura, o teatro é todo un, e non unha serie de caprichos de homes e mulleres que non falan entre si.
Eu quería inscribirme nesa tradición e finalmente atopei o meu asunto nunha pequena obra de Maquiavelo, A mandrágora. Tomando a anécdota, revestina dunha nova trama e novos diálogos. O espectador xulgará, pero eu xa me apuro a pedir clemencia, como facían tamén tantos autores antigos nos prólogos das súas obras (“Ilustres señores todos, perdoade ós espíritos baixos e humildes que se atreven a presentar tan gran tema”, como di o coro de Enrique V).
Agora que se me fai o honor de volver subir ó escenario as pillerías de Fiz (que é un pillo que todo o fai por ben e a quen todo lle sae ben), quero darlles a eles as gracias. E tamén a vostedes, que imaxino que xa están aí, a piques de ver subir o pano. A ver si entre vostedes, os actores i eu logramos ese pequeno milagre do ser humano que é a risa.
Miguel-Anxo Murado
autor
<< volver
|