Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Castellano
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................

 

LAPIDARIO (Fragmentos)


Salgari, Emilio

 

De min dixen ter sido destemido piloto,

capitán ós dezaoito anos,

infatigable viaxeiro,

aventureiro.

 

Pero a verdade é que eu, Emilio Salgari,

non naveguei outras augas que as dóciles de Venecia,

nin ostentei outro título que o de simple tenedor de libros

nin vivín máis aventura que a miseria.

 

Pola soidade do meu despacho paseaba

tocado co meu gorro de mariñeiro.

Brandindo o meu sabre malaio,

procuraba palabras para alimentar as

voraces cuartillas dos meus soños.

 

Mais as palabras fóronme ingratas, eu que as amei tanto.

 

Unha vulgar navalla de barbeiro acabou co meu sufrimento.

A miña muller morreu nun manicomio.

A miña pequena Fátima, nun sanatorio.

Outro dos fillos, en accidente.

Outros dous, de morte decidida, seguíronme.

A desgracia é fiel coma un cadelo.

(Xunto ó corpo aparece esta nota para os editores:

"A vostedes, que se enriqueceron co meu pelexo, manténdonos a min e á miña familia nunha miseria inacabable, non lles pido máis outra cousa que coidárense do meu enterro... Despídese, partindo a pluma en anacos...")

 

 

Li Po

¡Oh, lúa, lúa, avesa patroa da Fortuna!

Xogáchesme unha mala pasada.

Eu queríate abrazar no lago

e apertar o teu corazón de doce queixo

entre as miñas mangas bordadas.

Mais os meus sentidos estaban posuídos pola torpeza do viño,

e caín da barca á auga,

para perder a vida coma unha Ofelia infortunada.

 

O xunco asubía,

mais o meu silencio é máis sonoro.

Oh, lúa, lúa;

eu, Li Po, ebrio poeta de T'ang,

afoguei no teu reflexo.


 

Leiras Pulpeiro, Manuel

("O día nove de novembro de mil novecentos doce morreu fóra da Nosa Santa Madre Iglesia Don Manuel Leiras Pulpeiro, de 58 anos, casado civilmente con Dona María Audia Villar, médico e natural desta cidade, onde vivía e finou. O seu cadáver foi sepulto no cemiterio civil."

Da acta de defunción.)

Un día desaparecíame unha bota, outro día un pano; outro era unha das miñas gravatas, roubadas polos labregos que teimaban en ver en min un santo que facía milagres. Así, as miñas botas, os meus panos, as miñas gravatas, atados ó pescozo da vaca ou sobre a fronte do neno, debían curar as enfermidades e salvar as vidas desesperadas.

Logo, cando a morte me chegou a min, non podían entender que eu mesmo non tivese fe. Por toda a val correu a noticia: "¡O doutor Leiras morreu sen comulgar!", e nas casas de Mondoñedo comezou un rezo temeroso pola miña alma que, dicían os cregos, ía camiño da condenación eterna.

Sen embargo, foron milleiros os que acompañaron o meu féretro á terra que me correspondía, no "camposanto dos estraños", de fermoso nome, onde repousaban os descoñecidos, os suicidas, os hebreos e os ateos; os mortos sen confesión nin comuñón.

E, cando o cortexo marchou, alí, naquela terra pura, sentinme un pouco só mentres caía a noite no mundo.

Entón, sucedeu isto: De todas as aldeas da volta foron chegando en silencio os labregos, que traían sacos de terra sagrada dos seus cemiterios parroquiais: terra sagrada do camposanto de Quende, de Santa María Maior, de Viloalle...E, sen dicir unha palabra, envorcaron esa terra bendita sobre min, querendo desesperadamente darme o Ceo, contra o opinión do mesmísimo Deus, se fora preciso.

Non entendían que eu non precisaba desa inxenua bendición. Non entendían que, naquel lugar, entre os nenos pequeniños do Limbo, mortos a pouco de nacer, antes do bautismo -os mesmos cativos que coma médico non puiden salvar malia os meus esforzos-, estaba o meu lugar. Escoitando as súas voceciñas, chamándose uns ós outros na escuridade, decateime de que estaba entre os inocentes, na máis sagrada das terras.

(Nos xornais "La Voz de la Verdad" e "Norte de Galicia" non se dá información sobre a morte do médico poeta nin se admiten esquelas.)


 

 



<< volver

  .........................................................................................................................................

..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................