.........................................................................................................................................
ZOOLÓXICO
No medio da noite rompeu a houbear a serea da alarma aérea. Estabamos a copiar cintas na mesa de edición, no piso noveno. Era a primeira vez que o escoitaba.
-Ese ruído -dixo V.-. Escoitao ben. É o ruído do século XX.
Entrei no patio do zoo.
A noite era de cor vermello, un rubí intenso e brillante. O rubí dos reflectores e das bengalas. En medio dun ruído enxordecedor, das explosións e os disparos de arma lixeira, as balas trazadoras de cabeza verde estouraban coma vasos rotos nas paredes e nas ventás, deixando no aire un rastro de fósforo. A terra, fría e húmida, tremía co ritmo mecánico e monótono dunha fábrica cada vez que un obús era disparado desde o outro lado da liña de fronte. Era coma a patada dun deus, que resoaba xorda nas entrañas do mundo e subía polas raíces das casas sacudíndose furiosa por todas partes. Despois de horas e horas de este castigo ininterrompido o ruído dos obuses parecía o son do motor do mundo, cando un o escoitaba no refuxio escuro.
As liñas de fronte son caprichosas. Están trazadas por unha man nerviosa na escuridade. En Os. a liña pasaba preto do zoo da cidade. A JNA fixera retirar a milicia croata ata aquí e agora o zoo era un punto estratéxico defendido por un pequeno destacamento das HOS e as MUP. A reo a artillería batía no perímetro do zoo e polas noites as milicias irregurales, os chetniks barbudos e crentes, facían internadas ata as mesmas portas do complexo en ruínas para deixar caer bombas de man polas ventás.
Os animais seguían alí, mentres tanto. Á maioría non era posible trasladalos a outro lugar mais seguro. Tampouco había con que alimentalos. Agonizaban nas gaiolas, estarrecidos polo ruído.
Nesta visita ós círculos dantescos acompañábame o comandante Hervé, como un Virxilio escuro. Como el era un poeta maldito, pero a súa maldición buscáraa el mesmo. Tratábase dun mercenario franco-alxerino, un tipo sensible, culto e criminal. Amaba a poesía de Withman e premer no gatillo. Era a terceira vez que nos encontrabamos en distintos lugares do mundo. Xa nos coñeciamos.
Aquela era a súa poesía e estaba feliz. Sorrindo coa boca e o ollo que aínda lle quedaba, este ciclope en uniforme negro da HOS iame explicando o zoo e o que había en cada gaiola, coma nunha absurda visita guiada, iluminada pola artillería, mentres por riba das nosas cabezas pasaban zumbando as balas con ese son seco e case metálico, coma de arame.
-Aquí estaban as cebras -dixo, referíndose a un habitáculo desfeito que aínda despedía un forte cheiro acre-. Unha explosión abriulles a porta e escaparon. Foi impresionante -dicía-. Pasaron entre nós coma centellas e correron cara eles, quen sabe por que. Abatíronas con fogo de metralladora. Seguen alí, en terra de ninguén.
No patio de cemento dos pingüíns vin os dous que quedaban vivos. Andaban a correr espavoridos entre os restos dos seus compañeiros, inmóbiles coma paxaros disecados, mordiscados pola metralla, descolorados.
Non todo o que contaba Hervé parecía proceder dunha mente racional ninpertencer á realidade, pero a medida que proseguiamos polo labirinto fétido de gaiolas abertas e laios e bestas atrapadas todo semellaba posible. Protexidos nos muros das gaiolas desfeitas, nas dependencias e nas oficinas, os milicianos facían o seu traballo, indiferentes ós estraños animais que soltos e mortos de medo, vagaban por todas partes.
Dous chacais colgaban dunha corta.
-Tivemos que matalos. Botábanse ós cadáveres dos nosos. Ese é exactamente o problema: non podemos alimentar atodo canto bicho hai aquí.
-¿E os coidadores?
-Mortos. Queda un. O vello que carretaba o lixo. Polo menos sabe os nomes. É o único que os tranquiliza. Sabemos os nomes das bestas. Os nosos ninguén os sabe pronunciar -dixo rindo.
Eles eran un pequeno destacamento da Brigada Internacional de Voluntarios, recrutada a toda presa un par de meses antes. Fundamentalmente ingleses, franceses e italianos, rapaces de dezasete anos saídos da violencia europea, dos barrios miserables de París e Londres, ambiciosos de cartos, de brutalidade ou dun soño disparatado. Poucas horas de combate abondaban para baleirar á maioría e convertelos en criaturas enfermas de esa curiosa mestura de medo e suficiencia coa que se constrúen os exércitos.
-Son carne de canón -dicía Hervé, poeta e soldado profesional dunha raza moi distinta, da dos que sobreviven sempre-. Os croatas os desprezan case que tanto coma ós inimigos. Por outra parte eles non saben onde están.
Na enfermaría do zoolóxico, deitados no chan e cos ollos abertos ata case saírselles das pálpebras, había tres destes rapaces feridos. Un deles agonizaba sen sabelo.
Un proxectil estoupou no tellado dunha dependencia próxima e lanzou riba de nós unha fina chuvia de pedregullos e area coma unha bendición.
-Por aquí -dixo Hervé.
Por unha especie de túnel entrábase á parte máis protexida do parque.
Recibiunos un vello, ridiculamente uniformado e bébedo. El era o Noé daquela Arca que navegaba cara á destrucción nun Diluvio interminable. Falaba e falaba sen dirixirse a ninguén en particular. Nun momento determinado deume a man.
-Ven -dixo Hervé-. Quéreche mostrar algo.
-Veña, veña por aquí -dixo o vello desdentado e diabólico, coma un feirante que invitaba a entrar nunha barraca.
Alí estaba. O elefante.
Nun espacio pequeno e escuro, nun fedor insoportable, sentín a súa respiración axitada aínda antes de velo.
O vello enganchou un foco á batería que trouxeramos connosco. O elefante, asustado de máis e esmagado polo seu propio peso, a penas se moveu ó sentir a luz. Unha saba branca empapada do vermellón do sangue cubríalle as vísceras. Unha granada de morteiro estragáralle parte do ventre.
Cabe del, de xeonllos sobre a palla sucia que estraba o cemento do chan, había unha rapaza. No brazo do jersei distinguín cosido o emblema dunha asociación inglesa de médicos voluntarios.
-¿Como está? -preguntei.
Pasou a man polo empedrado da pel do elefante, áspera coma a lixa, complicada coma un mapa. A armadura afundida e rachada, batida con furia, destripada, deitaba a masa vermella e branca dos intestinos sobre o piso.
-¿Sabe? -dixo ela-. Levo todo o día aquí, cabo del. Pensaba que teño visto moitas feridas, humanas ou non. Pero nel o sufrimento é tan inmenso... é a maior ferida que hai nesta cidade. Se cadra a maior ferida que hai hoxe no mundo.
No ollo do elefante axitábase a pupila dilatada. Era como un Leviatán. O Leviatán que ha servir, segundo as escrituras, de banquete para os xustos cando chegue a fin do mundo. Alí estaba, se cadra, a fin do mundo, porque a fin do mundo sucede todos os días. Mais aquela mísera besta enfraquecida non tiña xa carne que dar e non se albiscaban moitos xustos nas proximidades.
-Ten case cen anos -seguiu dicindo ela-. Naceu antes ca todos nós. Pensaba tamén niso. En que o viu todo. Tardan en nacer e tardan en morrer.
-Houbo un tempo no que os elefantes eran armas de guerra. Os elefantes puideron ter conquerido Roma, o mundo enteiro -pronunciou Hervé, o poeta maligno..
Pero agora non había nada de poderoso naquel monstro, naquel xigantesco cachalote varado entre os cascallos e iluminado pola luz enfermiza das lanternas alimentadas pola batería de automóbil. Máis ben a súa masa tiña a desproporción do físico dun pallaso. Era unha montaña de carne crúa, un mogote de lixo orgánico que podía sentir e mirar, iso si.
-Non o podemos matar -engadiu Hervé restregando os mocos do nariz coa man enguantada-.O cheiro. Non poderiamos soportalo. Non temos cal abonda.
-¿Que hai dos camións? -preguntoulle ela.
-Nema camion, gospodjo, nema. Nista -dixo o vello.
-Entón deberiamos abandonar o lugar.
-Os meus homes non se repregarán -tallou Hervé-. Xa llo aclarei, creo. Defenderemos o perímetro ata o final. É definitivo.
Ela mirou para min. Ceibou unha sorrisa.
-Como ve, en todas partes todo é definitivo. ¿Que quererá dicir esa palabra?
-O final está preto -dixo Hervé-. pero encontrarán un inferno se é preciso. Vostedes poden abandadonar a zona se queren.. Toda esta xente vai morrer.
-Quedarei aquí ata que el morra -pousou docemente a man sobre o elefante-. Logo esperarei a que cheguen os camións para enterralo nalgún sitio.
-Nema camion, nema -volveu repetir o vello bébedo.
-Verémonos noutro lugar... espero -dixo mirando para min. Alarguei a man e toquei a dela, quente sobre o corpo da besta morrebunda.
Botámonos fóra, Hervé e máis eu. Montou a pistola e dixo:
-Ven, quéroche mostrar outra cousa máis, portugués.
Entramos noutra estancia escura. Hervé prendeu a lanterna. Detrás dos barrotes paseaba un enorme tigre de Bengala.
-Para os chetniks é un símbolo. Eses que están aí fóra -dixo, referíndose ós inimigos-. ¿Sabes o primeiro que fixo Arkan? Foi roubar un cachorro de tigre do zoo de Belgrado. Por iso chámanse a si mesmos "os tigres".
O animal revolveuse desesperado coa fame, triste e desnortado, absolutamente todo.
Hervé engadiu, cun noxo visceral.
-Iso penso ás veces, que é o seu símbolo. E desde entón odio esta besta. ¿Sabes o que soño? Soño en que se esto dura abondo o cachorro ha medrar e ha chegar o momento no que Arkan non terá con que alimentalo e o tigre o devorará a el.
Entón Hervé, inesperadamente, disparou sobre o animal co seu revólver, e volveulle disparar unha e outra vez, fóra de si. Coma nun crime pasional descargou a arma sobre o animal completamente, que quedou enrugado coma un trapo, contra un recanto.
Foi entón cando, durante uns instantes, parou o ruído naquela noite de pesadelo.
A través do burato do teito derrumbado, vin a Osa Marior e as estrelas, o firmamento tremente, inmenso, xeado, no que alentan os astros encendidos e solitarios.
Ó quedar en silencio empezáronse a sentir, por primeira vez para min, os laios dos animais atrapados e desesperados de fame e o latexo ansioso e sonoro do enorme corazón do elefante, bombeando litros e litros de sangue, incapaz de morrer.
<< volver
|