...........................
Artigos |
...........................
Libros |
...........................
Cine e Televisión |
...........................
. |
...........................
Acerca de |
...........................
Enlaces |
...........................
Contacto |
...........................
. |
...........................
Castellano |
...........................
Inglés |
...........................
. |
|
...........................
. |
...........................
. |
...........................
. |
|
.........................................................................................................................................
CADERNO DE XAPÓN (Fragmentos)
Os países non se entenden se non se sobrevoan. Os verdadeiros mapas son os mapas físicos. Con estes, e non cos mapas políticos é como se debería aprender a historia. Xapón: unha natureza atormentada que non fai máis que acrecentar o misterio do seu lugar no Mundo.
Michaux dicía no seu libro contra o Xapón que recorrera 1.200 kms. polo país sen ver árbores fermosas. Non hai riqueza natural ningunha, o clima é malo, a chuvia constante, inesperada. A profundidade da Fosa das Marianas, o océano máis escuro, máis fondo do mundo (once quilómetros de profundidade), está ó seu carón. É un país á beira dun precipicio. Pero o país é en si mesmo tamén un precipicio (as tres cuartas partes da terra son pendentes de máis dun 15%). E, ademais, un precipicio ó lombo dunha balea, coma o imaxinaban os antigos poboadores das illas, cando sentían a balea moverse e provocar a destrucción do tremer de terra (os 1.500 terremotos que se producen ó ano). Non é estraño que na arte xaponesa o perdurable non teña importancia. Nada perdurará de Xapón. Quizais mañá non exista. Pero agora existe, sentado na balea. Como a cidade de Asu, sobre a que voamos agora, na illa de Kyushu: unha vila de 80.000 habitantes construída dentro do cráter dun volcán. Coma os antigos venecianos, que non lles aprendían a nadar ós fillos para mostrarlle confianza á lagoa. Non é estraño: o deus principal dista terra volcánica é un volcán.
***
O Fuji-san, o volcán deus. Abaixo distínguese a súa presencia. Seguindo con Michaux: el lembraba que os chineses reprochaban ós xaponeses a falta dun grande río. Os grandes ríos traen a sabedoría e as grandes culturas naceron onda os grandes ríos e case sempre coma consecuencia deles (tamén Nicolás de Cusa dicía que se convertera en filósofo ó ver os viaxeiros pasar dunha beira á outra do Mosela, o seu pai era barqueiro en Bernkastel Küs). Os xaponeses non teñen, de certo, grande río ningún. Teñen un volcán. O que tamén pode parecer significativo. Os avións norteamericanos, nunha acción bélica irracional, o bombardearon durante a guerra ((bombardear un volcán!), nun inxenuo intento de blasfemia, un anacrónico sentido da guerra (aniquilar os deuses do inimigo).
Michaux escribiu logo na segunda edición unhas notas ó seu libro sobre Asia para desculparse da visión fondamente negativa que dera nel sobre o Xapón. O Xapón que el visitara era o dos anos trinta, militarista e autoritario.
Militarista e autoritario. Nunha librería de Tokio vin unha vez un libro de temas militares na sección de "Relixión", un lapsus. E sen embargo as cidades xaponesas son quizais as únicas do mundo que nunca tiveron murallas, nin sequera cercados. Divisadas desde esta altura xa se percibe na súa topografía esa ausencia, a do anel que comprime os centros das cidades europeas. Mesmo o ideograma chinés que significa "cidade" inclúe o que significa "muralla". O xaponés non. Inclúe o que significa "mercado" (tamén moi significativamente). E a Historia: poucas guerras. A de exterminio contra os ainú (a verdadeira raza autóctona das illas, aínda que o goberno se resista a recoñecer a súa existencia), unha Idade Media avolta, si, pero como a europea, con exércitos pequenos, guerras moi cantadas pero pouco cruentas (as guerras de verdade cruentas non se poden cantar, non se pode escribir a epopeia das guerras do século XX) )Imperialismo xaponés? A realidade é que, a parte da fracasada expedición a Corea de Hideyoshi, o Xapón nunca agrediu a outros países ata datas moi recentes, ata a súa occidentalización Meiji. Entón si: cincuenta anos de furia, de expansión violenta, de barbarie (Nanking, as escravas sexuais, o trato ós prisioneiros de guerra). E logo, de repente, nada. A imaxe do volcán parece a máis axeitada (66 de 291 aínda están activos). O Fuji, "a súa forma é un cúmulo de sal" dicía Ariwara no Narihira. Centos de anos de silencio e, de repente: furia, lava. Coma unha sociedade ciclotímica que pasa da depresión á euforia e da euforia á depresión, cada corenta anos Xapón estoupa, fai algo que detén a marcha do mundo. Logo: cinza que leva o vento.
***
Xa de principio, hai algo de imaxinario no neste país: un idioma que non pertence a un grupo de linguas afíns, unha etnia que se resiste a ser catalogada, unha natureza indefinida que abrangue case que todas as posibilidades xeográficas: desde o ártico ó tropical, sen un perfil claro. Non sorprende que Barthes, no seu O Imperio dos signos, se referise ó Xapón coma unha cartografía irreal e simbólica. Moito antes que el, Johnatan Swift xa situara na súa veciñanza algunhas das illas que visita Gulliver nos seus naufraxios: Balnibarbi, Laputa, Luggnagg e Glubbdubdrib están fronte ás costas orientais do Xapón.
As illas inventadas por Swift non existían máis que na súa imaxinación. A única razón pola que as situou nesa parte do mundo era que o Pacífico permanecía en grade parte inexplorado no seu tempo. Pero, curiosamente, o seu arquipélago, coma moitas ficcións xeográficas, pareceu encarnarse na realidade: a obsesión pola tecnoloxía de Balnibarbi; Laputa, a illa flotante e Glubbdubdrib, onde está prohibido revelar ós estranxeiros a propia historia, parecen en certo modo casuais metáforas dalgúns dos aspectos máis peculiares do Xapón actual.
***
Máis aínda: ficción cartográfica sobre ficción cartográfica, illas imaxinarias que se reflecten noutras illas tamén imaxinarias: durante séculos figuraron nos mapas, como parte do Xapón, a Illa Rica de Plata e Rica de Oro, nacidas dun rumor en Macao, a principios do século XVII. Durante case cento cincuenta anos buscáronas españois, holandeses e portugueses sen éxito e en 1730 o Rei de España pronunciou un decreto para a súa busca, unha lei para resolver un mito. O xesuíta Murillo Velarde fixón entón unha comparanza que hoxe parece moderna: “todo se volveu confusión por culpa das fantasiosas e perniciosas illa de Rica de Oro e Rica de Plata, unha especie de Barataria de Sancho Panza”. As illas seguiron aparecendo intermitentemente nos mapas (aparecen no de Cook, situadas 30ºN-155ºL e 34ºN-164ºL; na Carta do Almirantazgo de 1812).
Aínda figuraban, en 1922, no Atlas Times.
***
A forma do Xapón. Nalgunhas crónicas describiuse coma un lagarto. Entendemos os países como formas: é a cultura do mapa, na que as cousas son sustituidas pola súa representación, o coñecemento pola Enciclopedia, a lingua polo Diccionario.
Penso en cómo foi aparecendo o Xapón sucesivamente nos mapas antigos. Miralos como unha secuencia é como observar o ir formándose a imaxe do Xapón na mente de Europa. Os perfís vanse concretando, precisando: é coma o lento nacemento dun ser nun claustro materno, como a evolución dunha forma viva. Leonardo da Vinci fixo un mapa no que imaxinou Xapón como unha illa solitaria (Zipagna chamouna el). Nos de Münster, os dous de Ortelius e o de Hondius as formas redondeadas e pimprecisas. A partir do de Willem Blaeu de 1617 a forma empeza a prse dereita e estirar, coma unha figura no mapa do mundo que se espreguiza.
.En realidade, a crenza na balea que sostén o mundo e que dá lugar ós terremotos cando se move non é específicamente xaponesa, senón ainu (Mackenzie,1995). Os ainu son os poboadores máis antigos do Xapón, confinados agora na parte máis septentrional da Illa de Honshu e Hokkaido. Ata hai pouco negábase a súa mesma existencia e son un tema "tabú" no Xapón. Adoraban ó oso e ó salmón (algo moi apropiado para este pobo que logrou sobrevivir a base de nada contracorrente, e parte da súa cultura, como o Mito da Balea, logrou pasar ó acervo xaponés.
.Tamén existiron cidades inglesas e escandinavas non amuralladas, pero aínda así eran casos escepcionais e frecuentemente tiñan foso, terraplén ou algún outro tipo de separación (Pounds, 1992)
<< volver
|