| |
.........................................................................................................................................
Notas sobre Historias peregrinas
(Para o programa de man da versión de “Atrezzo”)
O espectador verá que esta é unha obra peculiar: toda a acción transcorre nun só lugar, sen elipses de tempo, sen interrupcións, os actores que non abandoan o escenario en toda a obra. Verá que a historia transcorre nun mundo anacrónico, nunha ucronía barroca na que Dickens, o Códice Calixtino, Shakespeare e a invención da imprenta son feitos contemporáneos. Verá que é unha obra en certo modo sen trama, en certo modo sen final: é un arranque que se desenvolve e se desenvolve... Todo isto eran pequenos experimentos que eu quería facer e que resultaron nestas Historias peregrinas. Pero por encima do experimento estaba, e está, a intención. E a intención era facer rir.
Doulle as grazas a “Atrezzo” por ter resucitado esta comedia (iso é unha cousas marabillosas do teatro: que as obras rexurden, rencarnadas, sempre novas). Dalgunha maneira a obra está dedicada a eles, posto que está dedicada a todas as compañías de actores, homenaxeadas con cariño no humilde grupiño que a protagoniza: un desventurado conxunto de cómicos que se dirixen a Santiago a representar os milagres do Apóstolo e que de camiño se perden nun bosque. O que segue é unha indagación humorística sobre a identidade, sobre que é o que fai que un ser humano sexa el e non outro, e unha indagación tamén sobre a arte de contar historias e como estas son, en realidade, o verdadeiro milagre. Pero iso xa o verá o espectador. A el tamén lle dou as grazas e, como é tradición nos prólogos do teatro clásico, pídolle a súa clemencia para o autor da comedia.
Miguel-Anxo Murado
autor
<< volver
|