...........................
Artigos |
...........................
Libros |
...........................
Cine e Televisión |
...........................
. |
...........................
Acerca de |
...........................
Enlaces |
...........................
Contacto |
...........................
. |
...........................
Castellano |
...........................
Inglés |
...........................
. |
|
...........................
. |
...........................
. |
...........................
. |
|
.........................................................................................................................................
Prólogo de Lapidario
Comecei a redactar os primeiros textos do Lapidario en 1986, e seguín traballando neles ó longo dos seguintes quince anos. Isto non fala nin do meu perfeccionismo nin da dificultade do texto, senón do seu carácter aberto. Durante eses quince anos teño voltado, de vez en cando, a este pequeno libro para corrixir, pulir, engadir, excluir. Nada máis apropiado, en realidade, para un texto que ten por materia a vida.A vida é caótica, difusa, repetitiva, inaprensible (hai moitas outras descripcións posibles). Non así o relato desa mesma vida: a biografía.
Sempre me fascinaron as biografías, xustamente pola súa evidente irrealidade. As biografías proporcionan á vida un marco, unha narrativa, unha lóxica das que a vida carece por completo. Nese senso, a súa falsidade é só aparente: a biografía é a resposta da literatura á pregunta de qué sentido ten a vida.
Tamén me fascina a brevidade. Concretar un concepto complexo nun texto breve, mesmo nunha frase, paréceme un labor de descubrimento do mundo. Despois de todo, eso é a ciencia, e tamén a poesía: concretar moito. Un verso afortunado, unha fórmula matemática elegante, un chiste, unha cita... Existe unha beleza na simplificación. Destes dous conceptos –a biografía como metáfora da vida e a brevidade como forma- naceu o Lapidario.
Por suposto que non ten nada de orixinal en si mesmo. O xénero estaba inventado: é o epitafio. O epitafio é un deses xéneros á vez populares e literarios. Moitas veces cincelado en pedra, ou mesmo en mármore, o epitafio aspira á eternidade moito máis que a maior parte das fórmulas da literatura. Polas circunstancias nas que se escribe, raramente está desprovisto de emoción. O seu cultivo literario ten sido extenso –mesmo na literatura galega: Iglesia Alvariño, Cunqueiro-. Tanto que o autor, afortunadamente, vese relevado de calquera obrigación de ser orixinal –case unha enfermidade da literatura do século XX-.
A elección dos personaxes do Lapidario pode parecer arbitraria, pero isto é só porque é incompleta. Igual que outro xénero máis que sempre me apasionou, a enciclopedia, eu tiña a aspiración –puramente imaxinaria- de escribir sobre todas as vidas humanas. Os personaxes aquí relacionados son aqueles que eu atopei –nas lapelas dos libros, nas entradas dos diccionarios biográficos- que querían dar un paso adiante e dicir algo. Porque é así como os imaxino neste libro: como un pequeno teatriño infantil onde unha pantasma –no doble sentido de “espíritu” e de “criación da fantasía”- dá un paso adiante e recita a súa parte.Tanto se a morte é un lugar como se non, todos eles están no mesmo. Por iso os personaxes deste libro dialogan entre si, intercambian opinións. Non é tampouco un artificio. Ese diálogo existe: está nos seus libros, ou podería estalo. E así como é un non-lugar, a morte tamén carece de tempo. Consecuentemente, os personaxes viven na ucronía: Li Po citando a Shakespeare, Spinoza pulindo lentes para cámaras de fotos, Hung Sheng lembrando as mazás de Bretaña... O anacronismo é intencionado.
A primeira versión deste libro publicouse hai xa máis de dez anos, en 1990, na colección Esquío (recibira o accesit do premio do mesmo nome). Desde aquela edición limitada non se volveu publicar ata agora (houbo un intento fallido en 1997). A que o lector ten nas súas mans é unha versión considerablemente ampliada a respecto da de 1990. Contén máis do doble de textos e unha ampla sección de notas. Que non se entendan, por favor, as notas como unha pedantería. Son un esforzo xenuíno por facer o libro comprensible ó maior número posible de lectores (unha preocupación que, como a maioría dos escritores novos, non tiña daquela). Penso que as notas académicas presentan ás veces unha fría beleza. No Ladiario,non son un apéndice ó libro, senón que forman un todo con el.
Miguel-Anxo Murado
Xerusalén (Palestina) 2002
<< volver
|