.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
A Chuvia en Santiago e na China
Miguel-Anxo Murado
Os hebreos tiñan un deus da chuvia, Ashraín, que logo se converteu en demo para os cristiáns. Quizais non foi unha boa idea baixalo así de categoría (deus e demo en realidade significan o mesmo, "demo", daimonon é dicir: "deus pequeno", "deusiño"). Desde entón creo que chove máis ca antes. Dígoo porque na literatura antiga non chove nunca (en Troia non chovía, nin tampouco chove na literatura latina nin nas sagas nórdicas, o que é máis raro).
En fin, aquí segue a chover. E así achegámonos ós bíblicos corenta días de auga. A partir do cuarto, dicían os cabalistas que xa chovía cara arriba. Aquí é desde o primeiro. Creo que é Compostela a única cidade na que chove cara arriba. De pouco serven os paraugas neses casos.
Eu levo estragados unha ducia de paraugas desde que estou en Santiago. Como levo tamén doce anos ben podería contar o tempo por anos ou por paraugas. Tívenos de todas castes, anos e paraugas, e algúns resultaron mellor ca outros. Agora normalmente prescindo deste accesorio (refírome ó paraugas). Chega un momento en que parece mellor resignarse. Sobre todo dadas as circunstancias.
A normativa municipal sobre as fachadas castiga os repechos e balconadas, os saíntes que máis ben deberíanse promover para nos protexer da chuvia ós viandantes. A Compostela antiga era unha fortaleza contra a auga. Pero desde que se empezaron a eliminar os soportais para deixar pasar as dilixencias e os carros grandes no século pasado (antes todas as rúas tiñan soportais) o paseante quedou indefenso diante da chuvia. Presúmese moito da conservación do patrimonio artístico. Ben, pois isto pódese considerar unha eiva no patrimonio climatolóxico da cidade, case tan importante, para min, como o outro.
O mesmo pódese dicir das ventás. En Galicia a ventá, tradicionalmente, abre cara a fóra. A razón é xustamente impedirlle o paso á auga. As normas actuais, aplicación un tanto absurda de criterios pensados para un clima ben distinto, prohiben esta maneira de abrilas. Creo que os nacionalistas, a parte de reivindicar a lingua e as institucións propias deberían tamén reivindicar esta maneira tan nosa de abrir a ventá, que é ademais unha das primeiras cousas que facemos ó comezo do día. A min gústame abrir a ventá cara a fóra, cousa que fago cando podo na casa familiar de Meira, como un acto de autoidentificación, e é un exercicio que recomendo. Pero aquí, en Compostela hai que conformarse. Hai que conformarse con abrir as ventás cara dentro e a chuvia lenta na cabeza.
Certo que os sabios chineses dicían que non hai mellor acariño para a cabeza dun home feliz que ese, o da chuvia lenta. E realmente así é, se un cumpre o requisito previo e nada fácil de ser feliz.
Hai unha especial conexión entre a nosa cultura e a cultura chinesa que está en que tamén eles son uns grandes observadores da chuvia. A poesía chinesa (abonda consultar unha escolma calquera) transcorre toda ela no outono. Hai unha razón para isto: cada ano o mundo recomezaba e nunca cumpría dous. O outono era a madureza do mundo. É o outono do noso descontento do que fala Ricardo III ó comezo da obra de Shakespeare.
Aquí pode que a chuvia sexa arte, como asegura ese odioso slogan publicitario, pero o que si está claro é que a arte inspirouse moi frecuentemente na chuvia. A poesía galega está case que toda pasada por auga. A nosa literatura é basicamente meteorolóxica, e o escritor é aquí un pouco labrego, porque o seu estado de ánimo que é o seu traballo, depende tamén bastante dos elementos, así que escribe e mira para arriba. Ata pódese pensar que isto é un feito diferencial, porque no Quijote, por poñer un caso, non chove nunca tampouco, como dicíamos que sucedía na literatura clásica..
Pero a nosa mecánica de observar a chuvia é menos meticulosa que a dos chineses. Tomemos ó que de entre elesera o maior experto: Chang-Chao. Escribiu moito sobre esta materia e tíñaa sistematizada. Dicía Chang Chao que unha chuvia de primavera é coma un edicto imperial que confire un honor, a chuvia de verán como un indulto para un criminal condenado e a de outono, como un poema. Consideraba o erudito que o día de chuvia na primavera era axeitado para ler, o de verán para xogar ó xadrez (posiblemente o traductor chama "xadrez" ó Mah-jong) e un día chuviñento de outono, como este, é axeitado para revisar os arcóns e a andar a revolver no faiado. Tamén diferenciaba entre dúas clases de sons que producía a chuvia: o das pingas que baten sobre as follas de loto e o da auga que cae do tellado nos baldes de bambú, e logo todas as categorías intermedias.
Desde que lin isto fíxenme o propósito de catalogar eu tamén os sons que produce a chuvia na miña casa. Non choverá igual, pensaba eu, sobre a laxe que sobre a tella, nin sobre a tella "lombuda" dos ourives coidadosos que sobre a tella plana importada de Alemaña, nin tampouco a caixa de resonancia de granito que son as rúas de Santiago estarán na mesma lonxitude de onda que outros instrumentos. Esperaba ó Outono, a eses trebóns que sempre nos visitan á altura do San Froilán, para facer as comprobacións, pero non esperaba que se me fosen subministrar tal cantidade de datos. Mesmo teño goteiras dentro, nunha das habitacións da casa e na cociña, e esas si que producen un son perceptible e provocan que tamén eu produza o son perceptible do meu mal humor, por dicilo finamente.
No teño baldes de bambú, así que terei que conformarme con escoitar o son da baldeta de plástico vermello.