.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
O Xudeu Errante en Compostela
Miguel-Anxo Murado
Aquí onde estou (estou en Madrid, dedicado a esto e aquelo) un raio matou estes días un home. Foi no zoo da Casa de Campo, a rentes da gaiola dos pinguinos, para facelo aínda máis absurdo. Foi o único raio que caeu ese día e entre un grupo relativamente numeroso de xente, matouno só a el.
Penso en Compostela, e en que por estas datas debe estar xa petando o trono. Das catro funcións anuais que ofrece a natureza a do outono é o espectáculo máis completo: diluvios, caída masiva de folla, trebóns... Os trebóns son a parte máis teatral da meteoroloxía. Gusto das treboadas, de contemplalas. Lin nunha ocasión que en ruso hai unha palabra específica para a sensación que produce unha tormaenta lonxana observada desde un tren en marcha: "zarmista". Seguramente hai outras palabras específicas para os distingos escenarios do trebón, que me gustaría coñecer, porque o nome das cousas contén case todo o que son. O símbolo tibetano para raio é, por exemplo, o mesmo que o do diamante; e que entre os índios das pradeiras o raio se representa por medio dun paxaro. Son dúas partes, penso, dunha mesma descripción, porque o raio, o lostrego, é iso: un paxaro e un diamante.
Si, en Compostela xa debeu facer acto de presencia o trono, como todos os outonos. "Fillo do trono", Bonaerges. Esa é precisamnte unha das advocacións do apóstolo. Por iso ás veces se lle representa así, rodeado de aparato eléctrico, con esa mesma iconografía que comparte co Xúpiter romano, o Indra hindú, o Peruna dos eslavos, o Susano-o dos xaponeses... Non hai pobo que non personalizara o lóstrego. Para os brahamáns é un sacerdote, para os chineses un ministro (o Ministro do Trono da Corte Celestial, como non podía ser doutro xeito, nesa cultura burocrática). Hoxe en cambio, mortos os deuses, esa simboloxía do trono só se encontra nas portas dos talleres mecánicos ou, gravada nos fustes do tendido eléctrico, significa "Alta Tensión".
Segue a ser, en cambio, o grande homicida da meteoroloxía.
Se o raio é unha manifestación da Ira Divina, o descontento da Divinidade é preocupante. Caen no conxunto do Planeta uns 2000 millóns de raios ó ano. Unhas vinte persoas morren cada día fulminadas por raios e outras oitenta resultan feridas. Mesmo hai documentado o caso extremo de Roy C. Sullivan, un gardabosques norteamericano alcanzado en sete ocasións por raios na súa vida.
(Para os aigos da precisión enumeraremos estes accidentes: en 1942 perdeu unha unlla da deda gorda do pé, en 1969 queimáronselle as cellas, en 1970 sofreu queimaduras no ombro esquerdo, en 1972 o que se lle queimou foi todo o pelo, en 1976 feriuse nunha perna e un ano despois no peito e no estómago, ata que finalmente suicidouse en 1983).
Estaba agora facendo o reconto da Ira Divina sobre Santiago e sáeme que a cidade atráe especialmente ó raio. O reconto é este:
Un 23 de novembro do 1533, no día de San Clemente, e para ser máis precisos á Hora Nona (a hora terrible para os antigos, a das tebras, na que morreu Xesuscristo), un lóstrego caeu na catedral causando graves danos nas "cambias" da Azabechería (eses kioskos de pedra onde agora se venden "souvenirs") así como no altar de San Xurxo. Pero iso non foi o máis grave. Tamén matou ó organista, Fernando Dourcas e a algún outro que estaba canda el, escoitando a súa incompleta interpretación. De entre os dous coros caeu entón a imaxe grande de San Miguel, armado coa súa espada de matar dragóns. Caeulle encima ó sancristán do coro e a dous rapaces que o acompañaban. Só sobreviviron un par de lusitanos que rezaban perante o Apóstolo, aínda que gravemente feridos.
O coro parece un lugar especialmente buscado polo raio. Cincuenta anos depois está documentado outro suceso semellante. Esta vez ninguén resultou ferido pero á vista da insuficiente protección que procurara San Clemente (a quen se lle ofreceran unhas misas para escorrentar o lostrego) decidiuse saír ese día en procesión. E para garantir a asistencia ameazouse ás confradías cunha multa de 300 maravedises e tres días de cárcere a aqueles que non foran "coa sùa cera", como se dicían entón.
Sendo o trono unha linguaxe divina, respondíaselle con outra e daí a tradición de tocar as campás para apartalo. Por iso entendeuse que o raio que caeu no 1729 non era un raio cristián, porque bateu no campanario, mostrando a maior indiferencia relixiosa. Proba de maldade é que logo entrou na Capela das Reliquias e queimou unha cortiña de tafetán, deixando en todo o lugar o cheiro sulfuroso que os doutores en teoloxía identificaban como infernal. O que nos leva ó asunto dos provocadores de tormentas, os chamados tonantes ou nubeiros.
Os tonantes son bruxos especializados que provocan trebóns e tempestades Son sempre homes e dise que falan con acentos estraños. No norte de Galicia dise que son os casteláns que veñen arruinar as colleitas. O que hai que facer cando un encontra un deses é darlle esmola por se acaso é un tonante. Eu aínda o fago, por seguir a tradición e porque mal non fai. Tamén se lles chamaba "escoleres" (escolares). Pensábase que eran becarios da famosísima Facultade de Artes Ocultas de Salamanca. Antigamente pensábase que baixo a Universidade verdadeira había outra, nas covas, na que se aprendían artes diabólicas. Compartía esta fama coa de Toledo (que é onde o infante don Juan Manuel manda aprender maxia ó seu Deán compostelano, no conto das perdices). Unha das asignaturas desas escolas era xustamente a de levantar tempestades, e era nesta na que se aplicaban os tonantes, que como se ve eran unha especie víctimas do paro especializado, producto dunha mala política universitaria.
A súa existencia era dada por tan certa en toda Europa (en Alemania chamábaselles "Wettermächen", "Homes do Tempo") que no "Fuero Juzgo" prevíanse coneas "ós que provocaren tempestades" de 200 azotes, sinalamento na fronte, exposición ó escarnio público e cadea. Aínda que tamén houbo quen os consideraba unha invención, como un bispo de Marsella que escribiu un libro negando a súa existencia, ou o noso Padre Feijoo que tapouco cria neles (aídna que si cría, paradóxicamente, nas sereas).
A xulgar polos rexistros os tonantes sentíanse cómodos sobre todo cos Borbóns. Estudiantes como eran, aventúrase a hipótese de que prosperaban rápidamente ós países nos que se ensaiaba a Ilustración. Pódese ver que en toda Europa seguen máis ou menos o recorrido da reforma universitaria. Abonda o exemplo de Compostela: está o raio que caeu o día de S. Ildefonso en 1727 sobre o Colexio Universitario de Fonseca; o xa mencionado de 1729; o do 15 de Xaneiro de 1792, cando na hora prima un lóstrego deu no Santiago ecuestre da Quintana e as apocalípticas tormentas do 1731, cando en Compostela temeuse a fin do mundo.
Nada máis comezar ese ano, un rapaz resultou morto na Torre das Campás. Nos meses de maio de xuño caeu sobre a vila un auténico diluvio e un dos numerosos lóstregos parou simbólicamente o reloxo que compuxera o pintoresco Andrade na Berenguela. Ata que os composteláns resolveron poñerse baixo a protección de Santa Bárbara, a santa artilleira; o que era, daquela, como recorrer ó especialista. Buscouse por todas as igrexas unha imaxe da santa que venerar, e como non se deu atopado mandouse facer unha.
Desde aquela andaron os estudiantes magos máis tranquilos, aínda que encargando algún que outro meteoro, como un trebón sobre a Catedral un 25 de maio e outro en 1867, un ano antes da Revolución liberal. Pero esa resultou ser a última vez, porque ese foi o ano que chegou a Santiago o pararraios.
Foi unha treboada de verán, e non de outono, a que propiciou a invención do pararraios. Benjamin Franklin inventárao precisamente un 25 de Xullo, é dicir, durante as festas do Apóstolo Santiago (algo que el seguramente ignoraba). Aquela foi, prosaicamente, a primeira patente norteamericana, pero tamén o primeiro éxito importante do ser humano frente a Ira Divina. Daquela tivo o carácter dunha verdadeira blasfemia e os xesuítas mesmo o culparon do terrible terremoto de Lisboa que tivo lugar pouco despois (a catastrofe que, según dicía el, volveu pesimista a Voltaire).
Hai unha teoría que dí que os tonantes, sen traballo por obra do invento de Franklin, dedicáronse precisamente a recorrer as vilas vendéndoos.