Miguel-Anxo Murado
Miguel Ángel Murado
...........................
Artículos
...........................
Libros
...........................
Cine y Televisión
...........................
Pincha aquí para escuchar las crónicas de M.A. Murado en la BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Gallego
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artículos de opinión · Artículos de análisis político · Archivo·
.........................................................................................................................................

O Xudeu Errante en Compostela

Miguel-Anxo Murado

A auga da Inquisición

 

 

Hai unha fonte en Santiago, na Praza do Toral a auga da cal paréceme un tanto sinistra. É curiosa por máis dun motivo. En si mesma constitúe un curioso exemplo de lentitude burocrática. Segundo consta nas actas foi solicitada polos sedentos cidadáns ós rexedores en 1584 e instalada finalmente en 1820. É dicir, case trescentos anos de atraso.

Seguramente o enxeñoso sistema de augas subterráneas ideado por Bernardo, o tesoureiro do apóstolo, non chegaba ata aquí. A fonte non puido facerse ata que a Inquisición foi abolida, o seu edificio subhastado e a súa auga reconducida para uso público e laico.

Agora o edificio da Inquisición é un hotel de Santiago. Tamén foi, creo, seo da administración de rendas y dun teatro -non estou seguro, escribo de memoria-. Pero o do hotel é o máis irónico. Sentado fronte a el mentres escribo esto nunha cafetería vexo os rostros despreocupados dos que entran e saen. Quizais teñan a habitación na antiga cámara de torturas.

Como a auga que nutre esa fonte e que daba de beber ós condenados e os seus verdugos, hai unha cidade subterránea que xurde só aquí e aló. Moitas veces todo o que importa está baixo terra, ou todo o que explica. Teño sido arqueólogo e supoño que é lóxico que pense que o subsolo explica o solo. Nesto non somos moi distintos das árbores, superpoñendo unha nova codia cada ano.

Se quixéramos chegar ó pasado rapidamente non había ser difícil. Bastaría con escoller ben o lugar. É por isto polo que elixín o lugar no que me encontro sentado escribindo isto. Desde aquí podo ler: "Porta da Mámoa". "Mámoa", o fermoso nome galego dos enterramentos megalíticos. Virtualmente estou sentado sobre o orixe mesmo da cidade.

Pero, volvendo á fonte do Toral. Certo que non é moi bonita, pero eu teño as miñas razóns para convertela no obxecto do meu artigo. A ánfora que a coroa é unha especie de mal menor, producto dun malentendido. A primeira versión mostraba un busto do deus Marte. Pero entón alguén empezou a dicir que se parecía ó Xeneral Quiroga -tamén el un Marte en certo sentido-. O Xeneral Quiroga era un liberal proscrito, de xeito que se fixo un cambio apresurado: o deus pola ánfora. É unha ánfora de viño, segundo creo. Un símbolo político multipartidista que é fácil compartir.

 

 

Unha mancha de sangue no teito

 

 

A loita sanguenta entre liberais e moderados ou conservadores do século pasado resúltanos agora case inexplicable. Igual que dentro dun par de séculos os textos escolares a penas diferenciarán as ideoloxías do noso século -¿quen pode explicar realmente qué diferencia había entre güelfos brancos e negros? ¿quen sabe por que se exiliou a Dante?-, os seus programas parécenos demasiado similares.

Vennos rapidamente á memoria o Xeneral Nazario Eguía. Azote dos democráticos en Barcelona chegou a Santiago feito unha fera. Cando un compostelán era sorprendido blasfemando o gobernador mandábao ás obras de mellora. A Rúa do Franco, a ruta pola que chegou o corpo do apóstolo no carro tirado por bois, foi empedrada polos ateos. É un paradoxo curioso: Santiago, que foi comezado no Franco por voluntarios piadosos, terminouse na mesma rúa por forzados escépticos.

Nazario Eguía acabou os seus días pouco despois na cidade. Foi a inauguración dunha nova forma de morte, ademais. Unha carta bomba -a primeira da historia de España- terminou con el no seu palacio do número 9 da Rúa Nova. Cóntase que ata non hai moito podíanse ver as marcas de sangue que deixaran os dedos ó dar no teito.

 

 

A Cidade dos Mortos

 

 

É noite. Paseamos por Santiago, eu e unha amiga que non me quere dicir o seu nome. Para que non o escriba. É o máis apropiado para intentar captar o Santiago sinistro, como nos propoñemos. As horas en punto soa a Berenguela, co seu acento de "gong" chinés. Din os naturais -nós non somos de Santiago, que é outra forma máis complexa de ser de Santiago- que non é ese o seu verdadeiro son. En fin, as campás poden mudar de voz, como os nenos cando medran; ou segundo as épocas do ano, como os canarios. De todos xeitos sempre pensei que era unha mala idea fundir unha campá católica en Holanda. Aínda que agora, cóntame a miña amiga -que é holandesa-, hai maioría católica en Holanda. Unha inesperada e tardía victoria na guerra de Flandres, ou algo así.

O' parecer o Concello proponse ir subindo a afinación pouco a pouco. Síntoo. Gústame o seu son lúgubre. De día soa mal pero de noite soa ben. E é ese o tipo de cidade que estamos procurando.

Non é que sexamos morbosos. Buscar en Santiago a cidade dos mortos paréceme algo natural. Non coñezo ningunha outra que teña xurdido en torno a unha tumba -esa "pouca cinza" que dicía Suso de Toro-, aínda que seguramente a haxa.

Toda cidade foi deixando á súas costas outra cidade habitada polos seus mortos. Ten habido aproximadamente medio millón de composteláns na Historia. Existen pois cen mil composteláns na cidade e catrocentos mil composteláns baixo ela. A cidade dos mortos é sempre máis numerosa que a dos vivos, pero ocupa moito menos espacio. De eses espacios que constitúen o Santiago dos mortos a arte só se ocupou seriamente dun: a Basílica. Pero os sinais están visibles ou semivisibles noutros lugares. Téñoas visto na Rúa de Basquiños moitas veces, camiño da Estación de Autobuses: caveiras, tibias cruzadas... -os símbolos recentes do veleno, a piratería e a electrocución-. É o Cemiterio Civil. Tamén o romántico camposanto que hai nas proximidades de Caramoniña. Os enfermos do mal do século -a melancolía do XIX- suicidábanse en lugares coma estes e as xiringas no chan testemuñan unha continuidade no uso deste espacio.

Gústame en cambio a ironía do antigo camposanto xunto a San Fructuoso -a igrexa que luce na fachada os catro paos da baralla-. Outra craveira -hai que buscala ben no muro- cóntanos que alí se enterraba. Hoxe é un parking para os automóbiles.

Son ironías negras, pero son ironías. A Praza da Quintana conserva o seu nome de "Quintana de Mortos", pero os visitantes adoitan ignorar que camiñan sobre tumbas. Non importa, tivo mesmo unha fase intermedia na que foi mercado. Igual que os turistas que toman café no Hostal dos RR.CC. indiferentes ó feito de por alí estaba o Depósito do antigo Hospital. Contábamo un día alí mesmo o meu pai, que traballara alí de novo coma médico. "Sí" dicía tranquilamente entre sorbo e sorbo do seu cortado "creo que era aquí onde se practicaban as autopsias. Onde está a barra."

 

 

Os campos do suplicio

 

 

Todos coñecen a lenda de Xan Tuorum. O apelido é unha curiosa versión do home medieval calquera, como o Jederman alemán, o Jacques Bonhomme francés, o Juan Nadie español, o John Doe anglosaxón. Xan Tuorum ía ser axustizado e pediu axuda á Virxe. "¡Ven e váleme!". A Virxe fixo o que hoxe non consideraríamos un favor excesivo: fíxoo morrer ó pé do cadalso, antes de pasar pola infamia dunha morte a mans do verdugo.

Bonaval, ven e váleme. Nunca me gustou esta historia, como en xeral todas as que dan unha explicación etimolóxica popular. Vese demasiado claramente que son falsas.

Pero si é certo que houbo un cadalso no outeiro de Bonaval. Logo predicou aquí o santo dominico -tan severo el tamén, pode que escollera este lugar por ese motivo- logo se edificou o mosteiro e agora está aquí o Panteón de Galegos Ilustres. Presenciei aquela teatralización surrealista do ser galego no século vinte: os restos de Castelao no medio do chan, as labazadas entre as dúas faccións nacionalistas, os policías galegos contra todos e o himno galego poñendo fondo a toda a escena, indiferente. Cadalso, Templo, Necrópoles.

Tamén había cadalso en Santa Susana. Hai algo de sacrificial no lugar. No subsolo descansa un antigo castro e sobre el unha hermida. Ata hai pouco era o lugar das feiras. Pero antigamente alí se executaba ou se daba picota.

Si, así era antigamente: o sangue era considerado impuro e os sacrificios facíanse nas aforas ata que a modernidade superou ese prexuízo e fixo da execución algo público, mesmo festivo.

¿Non era os admirados humanistas italianos recomendaban que se fixera ós nenos presenciar as execucións, como parte da súa educación ?. Quizais por eso abandonouse Santa Susana por Porta Faxeiras.

Porta Faxeiras, "por onde se vai a Padrón", como di o Calixtino. Outro lugar onde a xente toma café. Neira de Mosquera lembraba ter visto de pequeno corpos de aforcados pender do arco da porta, onde vivía o verdugo local.

No noso paseo polo Santiago nocturno chegamos a miña amiga e mais eu á pequena igrexa de San Miguel dos Agros. Non lle parece grande cousa, e eu enténdoo. Pero é unha igrexiña simpática e cóntolle que é unha das máis antigas da cidade. Gústame ademais esa advocación, "dos agros". ¿Por que vin ata aquí? Porque aquí se velaban os corpos dos axustizados antes de lanzalos á foxa común ou soterralos nun cruce de camiños, ás veces facíase eso porque se consideraba que o camiño non era terra e tamén para que os camiñantes os pisaran.

-Carai- di a holandesa.

 

 

O cruceiro enigmático

 

Decido terminar a excursión nun lugar que me resulta especialmente inquietante. E tamén porque é outro punto no que o pasado remoto da cidade sae a flote. No Castro, xunto a SanFiz, a hermida na que traballaba o monxe Pelagio, o descubridor dos restos apostólicos.

No pequeno xardín que hai entre a igrexiñas e a Facultade de Xeografía e Historia érguese un cruceiro dos que abundan en Galicia. Son un conxuro, como se sabe, contra o desacougo que sempre provocaron no home as pontes e as encrucilladas de camiños. Este é un cruceiro especial. Pagouno unha señora chamada Isabel de Sotomayor Bencerraje en lembranza do seu fillo Manuel Ramírez de Arellano. É o cruceiro do estudiante Ramírez.

Diante de min teño uns recortes nos que José Luis Cabo estudia o asunto a partir de fotografías de época. O estudiante Ramírez fora asasinado nun antigo cruce de camiños nas aforas de Santiago. As xentes, sempre tan partidarias da ficción, estenderon a lenda dun duelo ou un suicidio por amor, como non podía ser menos. Hoxe o lugar está embutido en plena Zona Nova e o cruceiro foi trasladado aquí hai xa moitos anos. Inda que xa non son moitos os composteláns que se lembran da historia as palabras que se esculpiron nel deixan un pouso de misterio.

Se formamos unha nova liña coa última sílaba do segundo apelido e unha das frases piadosas podemos ler unha estraña petición que deu moito que pensar no seu momento: "Non rogues a Deus por el".

-¿E non será unha casualidade?- pregunta a holandesa.

-É posible.

E cónvidoa a tomar algo. Está visto que non consigo interesala con estas cousas miñas.

  .........................................................................................................................................
<< volver al índice
..............................................................................................................................................................................
Todo el contenido de esta página es propiedad intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Se autoriza su reproducción siempre que se cite la procedencia | Diseño web m&e ................................................................................