Miguel-Anxo Murado
Miguel Ángel Murado
...........................
Artículos
...........................
Libros
...........................
Cine y Televisión
...........................
Pincha aquí para escuchar las crónicas de M.A. Murado en la BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Gallego
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artículos de opinión · Artículos de análisis político · Archivo·
.........................................................................................................................................

Os verdugos de Compostela

Fun ver Bonaval, o novo parque. Está construído sobre un cemiterio, como vostedes xa saben. Iso non ten nada de particular en Compostela. Pero Bonaval, a máis de camposanto, ten outra particularidade topográfica: foi campo de suplicio.

O propio topónimo está supostamente relacionado con este feito. Todos coñecen a lenda de Xan Tuorum.Xan Tuorum ía ser axustizado e pediu axuda á Virxe. "¡Ven e váleme!". A Virxe fixo o que hoxe non considerariamos un favor excesivo: fíxoo morrer ó pé do cadafalso, antes de pasar pola infamia dunha morte de criminal.

Unha vez quixen facer un censo dos campos de suplicio de Compostela, e saíanme varios. Lembro, por exemplo, que tamén había cadafalso en Santa Susana. Tíñase o sangue por impuro, por moito que os que o verquesen o fixeran involuntariamente, polo que os sacrificios facíanse nas aforas. A modernidade superou este prexuízo e fixo da execución algo público, mesmo festivo. ¿Non eran acaso os admirados humanistas italianos, Maffio Vegio por exemplo, quen recomendaban levar ós nenos a presenciar as execucións, como pedagoxía, e mesmo baterlle alí mesmo para que lles quedase máis gravada a escena?. Quizais por eso abandonouse Santa Susana por Porta Faxeiras, que era un sitio máis frecuentando

Segue séndoo, coas súas terrazas onde a xente toma o café. Mais aínda Neira de Mosquera lembraba ter visto de neno corpos de aforcados pendurar do arco da porta. O propio verdugo local vivía nese lugar que agora ocupan dúas pulcras cafeterías, nunha vivenda que era gratuíta e debía estar preceptivamente pintada de vermello (a cor infamante, xunto co amarelo dos xudeus e as prostitutas).

A condición do verdugo era un tanto ambigua. Dunha parte resultaba un ser abominable para o común das xentes (aínda que no noso século recibíanse no Ministerio de Xustiza británico unhas cinco solicitudes semanais para o posto). Sempre foi difícil recrutalos.En moitos lugares obrigábase ó último en censarse na vila ou en casar e en Amberes o cargo era para o decano dos carniceiros (en atención ós seus coñecementos de anatomía). En Francia un ritual simboliza a súa categoría: cando o rei o nomea bótalle o documento asinado baixo a mesa, para que teña que se arrastrar a recollelo.

E sen embargo existen moitos paralelismos entre o rei e este seu servidor que é como a parte escura, o necesario complemento, da actividade supostamente benéfica da monarquía. Tanto reis como verdugos eran intocables, únicos, difíciles de casar, e transmitían o seu oficio ós sucesores Houbo grandes dinastías de verdugos, como os Deibler, os Roch de Dijon, os Calcraft de Inglaterra, os Gröber e Reichart de Alemania, sobre todo os Sanson parisinos ou os Tara Masih de Pakistán (que exercían esa función xustamente por ser cristiáns, xa que musulmáns e hinduístas desprezaban esta profesión). O verdugo ten certos privilexios: estaba obrigado a enrularse e empolvarse o cabelo, a levar entorchados; en certos estados de Alemania adquiría prebendas cada vez que acadaba un fixo de cabezas cortadas (nun sistema sinistramente similar ó actual dos regalos-punto), en Würtemberg tiña dereito a que o chamaran doutor e en París ostentaba o chamado dereito de hâvage, que consistía en apoderarse da cantidade que podía apreixar coa súa man de todos os cereais expostos no mercado.

En Compostela os verdugos, que recibían o eufemístico nome de "oficial público", eran famosos en todo o Reino por ser ilustrados e cantar ben. Esta rareza debíase a que en Compostela o executor desempeñaba ó mesmo tempo o posto de pregoeiro, polo que se lle esixía boa voz e saber ler. Tiña de levar albarda e as insignias preceptivas para non confundirse entre os demais cidadáns. Eran elegantes Por unha nota de Cunqueiro sabemos que vestían de pano verde cun sombreiro a xogo e logo, co cambio da moda sombreiro negro con cinta branca ou un sombreiro branco con cinta negra.

Coñecemos as instruccións que recibían a través das que lle dan a Gregorio Lauro en 1698 Este tal Lauro era o que hoxe chamariamos unha víctima do paro especializado. Exercera anteriormente o oficio en A Coruña, pero o despediran cando se lle escapou do garrote un reo de sodomía. Lauro viu o ceo aberto cando saíu a concurso unha praza na cidade do Apóstolo; praza que logrou sen dificultade dada a súa capacitación laboral.

O Concello indícalle que pase pola Praza do Campo dúas ou tres veces ó día "a ver se lle mandan executar algunha cousa" (ou persoa, engadimos nós). Mándanlle que non mire mal á xente (temíase o seu mal de ollo) e, que sexa abstemio. E o máis curioso de todo: debe inspeccionar a salubridade das fontes da vila, unha función sanitaria insólita neste gremio. Como tiña o privilexio de quedarse con todos os panos sucios que vise lavar nas fontes, podemos imaxinar a súa casa chea de panos de todas as mulleres de Santiago. Unha imaxe poética irresistible, polo menos para min.En canto ó soldo é máis que suficiente: ten dereito de peaxe sobre as mercadorías que entren á cidade (dous maravedises por cada tea, dezaseis por cada carro de grao), a parte isto ten un soldo duns 300 reais normalmente, con numerosos pluses para o caso que tivera que se esmerar, por exemplo esnaquizando un reo e levando logo as cabezas ós lugares onde cometeran os seus delictos, como prevían as leis. O esnaquizamento consistía literalmente en dividir o corpo do condenado en catro partes, polas que o verdugo recibía a simbólica cifra de 44 reais.

Pérez Constanti, que nas súas Viejas Notas Galicianas (o imprescindible libro editado polo erudito compostelán J.L.Cabo) publica as tarifas dun destes profesionais, relata de paso o caso dun que solicitou a praza cando contaba tan só 19 anos. Xa traballara no mesmo na Coruña e, como di o seu pai na carta de presentación "coa maior exactitude e sen dar o menor motivo a queixa algunha" (a excepción, seguramente, dos reos). O orgulloso pai mesmo ofrecía outro fillo de 12 anos como axudante, xentil oferta que foi rexeitada ata que cumpriu a moito máis axeitada idade de 22 anos.

Hai moitos outros tipos curiosos, como Leandro García Solano, un soriano que veu en 1807 en peregrinaxe e quedou como executor, todo un exemplo da espiritualidade que inspira a moitos o Camiño. Pero sería longo facer un censo. Eu ó verdugo compostelán tipo imaxínoo sinistro, coa pequena escaleira no sombreiro (o símbolo gremial) e unha filla imposible de casar. Seguramente usaba o chamado nó Pierrepoint, invento inglés que fixo furor (o nó á esquerda da mandíbula e a caída longa). Os profesores da Universidade Compostelá intercambiarían con el o tratamento mutuo de doutor. Imaxínoopor Santa Susana, ou na actual praza de abastos abrindo a man monstruosa sobre o millo de Arzúa, comulgando na catedral enluvado (debían facelo así). Ou no mesmo San Miguel dos agros onde, en Compostela, velábase a suicidas e aforcados antes de botalos en foxa común ou soterralos nos cruces de camiños para que os viaxeiros os pisasen.

A historia local toma ás veces a forma dun pesadelo.

  .........................................................................................................................................
<< volver al índice
..............................................................................................................................................................................
Todo el contenido de esta página es propiedad intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Se autoriza su reproducción siempre que se cite la procedencia | Diseño web m&e ................................................................................