.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
O Xudeu Errante en Compostela
Miguel-Anxo Murado
(H.B. é un peregrino especial. Ós seus máis de sesenta anos de idade leva moitos dando a volta ó mundo na súa bicicleta. A súa intención é deixar unha mensaxe de paz. O señor B., xudeo alemán, é un dos supervivintes do campo de extermino nazi de Auschwitz. Os xornais locais entrevistárono, como fan con moitos dos peregrinos máis pintorescos que van aparecendo por aquí. Preguntáronlle pola súa bicicleta, polos seus pés desfeitos e polas súas lembranzas do campo de exterminio, pero ninguén estableceu a obvia relación cun dos mitos máis importantes, fondos e característicos de Europa: o do Xudeo Errante)
Como estaba fóra non puiden ver a exposición que sobre a Galicia Xudía se organizou nesta cidade. Sentino, porque sempre tiven interese por esta materia. Agora contemplo o catálogo, que amablemente me fixeron chegar, e vexo que foi unha exposición completa e ben documentada da topografía hebrea de Galicia.
Como o texto do catálogo é rigoroso non nos conta nada do Xudeu Errante. É magoa, porque son curioso deste personaxe que, segundo Bouza Brey, tamén estivo en Santiago. Cóntao nun ensaio.
Como é sabido o Xudeu Errante é aquel que durante o Vía Crucis non quixo axudar a Xesucristo a cargar coa cruz. Unha maldición o obriga a recorrer o mundo sen descanso ata a fin dos tempos sen deterse máis dun día no mesmo sitio. Na Idade Media fantaseouse moito sobre a súa figura, que tradicionalmente se imaxinaba como a dun vello roxo de cabelos e vestido de amarelo (entón a cor infamante, que tamén usaban as prostitutas por regulación municipal). Dábaselle o nome de Catófilo ou Buttadeo, e sobre todo Asuero ou Ahasverus (de arse verse, averte ignem, o ineficaz "aparta lume" que escribían os antigos nas casas). Non lle ladran os cans e se queda debaixo dunha árbore a árbore seca. Se soan as campás bota a andar e todo o ve de cor vermella, mentres que o ceo é para el tormentoso, como estaba o día da Crucifixión. Se repousa un anaco a súa sombra, que por un cóengo de Brugge que a viu sabemos que é vermella tamén, queda impresa naquel lugar (setenta veces sete anos, segundo o cálculo de Ernesto Hello). Sempre leva na bolsa unha moeda de ouro e as sandalias que calza son as daquel día, aínda que son varios os encontros nos que o agasallan cuns zapatos novos.
A historia do Xudeo Errante, coma o do Holandés Errante ou o Peregrino de Tossa son mitos medievais que nacían do paso de forasteiros, sempre misterioso nunha época na que se viaxaba máis ben pouco. O contaco cos peregrinos, cos refuxiados ou os trasterrados levaba ás xentes a convicción de que toda viaxe era unha penitencia. Os antigos nómadas (os bárbaros da era anterior) reaccionaban así contra as súas orixes. Para unha sociedade de labregos todo desprazamento é un exilio.
A versión máis antiga da lenda encóntrase nunha crónica boloñesa titulada Ignoti Monachi Cisterciensis S. Mariae de Ferraria Chronica et Ryccardi de Saneto Germano Chronica priora. Alí se conta que uns peregrinos de Terra Santa viron ó Xudeo en Armenia, aínda que convertido ó cristianismo. Pouco despois Roger von Wendover, na súa Flores historiariarum (1235)fai que o narrador sexa nada menos que un porteiro de Pilatos chamaso Xosé Cartáfilo. O mesmo encontramos na Chronica maiora do monxe inglés Mathäus Parisiensis e a Chronique rimée (1243) de Philipp Mouskes ou Mousket. Aquí se conxetura que o xudeo en cuestión é Malco, o soldado ó que Pedro cortou a orella en Getsemaní, e que tamén foi o que abofeteu a Cristo diante de Caifás. Outra fonte indica que podería ser San Xoan Evanxelista, que segundo a lenda non morrería ata o regreso de Cristo.
A partir deste século XIII empeza a ser visto en Europa por numerosas persoas que se encontran con el e teñen pequenas conversas. Do século XV temos testemuñas como Antonio di Francesco di Andrea, o Florentino; no XVI parece botar longas tempadas na Península Ibérica, porque de aí proceden a maior parte das noticias, e no XVII multiplícanse as publicacións que fan referencia a el: a Chronica Mariora (1571), a Breve descripción e relato dun xudeo chamado Ahasvero (1602), nacida no círculo literario de Giovanni Bernardi Bonifacio, Conde d´Oria, radicado en Danzig de Polonia; e sobre todo a Histoire admirable du juif errant (1650), a máis extensa e popular das explicacións do mito. Xunto á prosa están os poemas: o inglés The Wanderign Jew or the Shoemaker of Jerusalem (1626), os poemas de D Sudermann von Shwankfeld en Alemania, ou as complaintes francesas, unha tradición que continuou ata o século pasado.
A condición de viaxeiro eterno do Xudeu inspirou unha variante do tema no que a través do personaxe se facía unha historia do mundo, así na obra do xenovés Giovanni Marana (m. 1693) onde o Xudeu é o garda do Diván e ten conversas co propio Nerón, entre outros, ou na obra de M. Wilson (The History of Israel Jobson, the Wandering Jew (1757), onde o xudeu mostra os seus enormes coñecementos de Xeografía e mesmo visita outros planetas. A mesma variante encontramos nas obras de Reichard, Heller, Galt, o Conde Pasero de Corneliano, G. Croly, Hoffmann ou Viereck e Eldridge.
O tema interesou a Goethe, de quen se conservan uns apuntes de versos, por certo de corte algo humorístico. Pola mesma época G. Lewis incorpora á figura a cruz gravada en lume na fronte do personaxe (nun dos episodios da novela The Monk) (...)
Cunqueiro, que escribiu varios artigos sobre esta lenda, tiña feito un itinerario do Xudeu Errante coas novas que documentan as súas aparicións. Parece ser que estivo en Siena o día de Santiago de 1526. Aldo Petrucci, o violento condottiero, case o arrolou dacabalo, berrando "¡Aparta, Israel!" ó entrar pola Porta Camollia (hai anos eu vivía xunto a esa porta senesa na que, segundo as crónicas locais, morreu o pintor medieval Lorenzetti dun resfriado mentres pintaba unha madonna). Cattolini atopouno en Rávena, e falou con el grego, latín, francés e véneto, co que se demostra outra das marabillas que se lle atribúen: o don de linguas, natural en quen tanto ten viaxado. En 1542 Ahasvero estaba en Hamburgo, entrevistándose co bispo de Schleswig, Johann von Eitzen.
En outubro de 1677 sabemos que a policía véneta (o temible Consiglio dei Dieci) o buscaba pola illa de San Lázaro, entre os frades armenios. A denuncia partira dun mercador ragusano (a actual Dubrovnik), Pier Alovieso, que seguramente recorreu a unha "bocca della veritá", aqueles buzóns habilitados para as denuncias, con forma de fauce de león (como as que acaban de poñer en Correos en Santiago, esperemos que con outro propósito). Ata o propio bispo de Torcello foi facer as pescudas en persoa, sen resultado. Dous días despois un capuchino viu ó Xudeu na Ponte degli Scalzi. O cóengo Van Diij viuno en Utrech, e en 1765 charlou co famoso doctor Johnson (o autor do primeiro Diccionario Inglés) na taberna do "Flying Deer" de Londres. Cóntao o seu biógrafo Boswell, quen tamén estaba presente. E nese mesmo século XVIII, en Roma, Zacharías Werner (o Fra Vernero da novela de Otero Pedrayo) conservaba un libro no que o Xudeu pousara a man, deixando unha queimadura nel.Tamén Napoleón o viu, nun cambio de carruaxe, en Soissons, durante os 100 días previos a Waterloo, e en Vienne os burgueses saíron palicar con el e pedirlle detalles sobre a Paixón de Cristo, para melloraren as súas representacións relixiosas. Neste século sabemos que Leon Bloy, o escritor francés, recibiu unha carta onde o avisaba de cando estaría en Lyon, pero Bloy non compareceu.
A última aparición da que temos noticia tivo lugar en 1912, en Praga. Así que puido, pola data e polo lugar, coñecer persoalmente, por exemplo, a Kafka (Apollinaire di que el si o viu, pero o simpático caligramista suízo é pouco de fiar). A xefatura da policía política do Imperio Austro-Húngaro mantiña ó día unha ficha do Xudeu Errante, que en Praga imaxinaban como mozo e rico don Juan. Supoñían os praguenses de primeiros de século (nunha lenda que circulaba sobre todo entre señoritas) que o Xudeu Errante desaparecía ó amencer coa súa maleta de coiro negro seguido dunha treboada durante a cal as mulleres que o amaran suicidábanse.
Nesta última aparición tamén consta que unha velliña lle regalou uns zapatos, o mesmo que en Siena, onde o obsequiaroncunhas sandalias, e máis con auga de menta e seis pans ácimos. E eu, como dicía, botei de menos algo do Xudeu na exposición do Pazo de Bendaña. Por exemplo un par de sandalias. Porque se como cre Bouza Brey estivo o Xudeu Errante na cidade (confírmao Guido Bonatti, que mesmo da a data de 1267) pode ser, é un supoñer, que alguén se fixara nos seus pes desfeitos e entrara nunha das zapaterías do Preguntoiro, por poñer un caso, e lle comprara uns deses horribles Panama Jack, tamén de infamante cor amarela. E el deixara as súa sandalias nalgún sitio, pode ser que xunto a Igrexa das Ánimas, ou nalgún outro sitio da Algalia. Pero entre tantas maldicións como padecemos os humanos, ¿como recoñecer unha en particular?