.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
AK-47
Miguel-Anxo Murado
É un dos secretos protagonistas do noso mundo moderno, e este ano cúmprese o seu aniversario. Refírome ó fusil de asalto “Kalashnikov”, o AK-47 (esa cifra é precisamente o ano da súa primeira fabricación). E digo “secreto protagonista” porque se un le unha Historia do século XX posiblemente non atopará ningunha referencia a el. Sen embargo, se colles unha desas recompilacións de fotografías do século, aparecerá unha e outra vez: en mans dun guerrilleiro do vietcom, angolano ou palestino; ou posando sorrinte (o AK-47 co seu característico cargador curvo, parece un sorriso maligno) no colo dun neno da guerra de Uganda; ou en mans dun traficante de drogas do Bronx... Púxenme na contar as veces que aparecía nunha desas coleccións de foto-reportaxes e saíanme vinteseis, máis que calquera outro obxecto seguramente.
De fácil manexo e aínda máis fácil mantemento (pódese poñer a remollo ou enterrar no deserto e segue a funcionar) era a arma das guerrillas de Centroamérica e África. Por iso os seus apoloxistas dicían que o “Kalasnikov” era “a arma dos pobres”. E desgraciadamente acabou sendo certo: os que a usaron fixéronse aínda máis pobres. As armas son como variñas máxicas: todo o que tocan o transforman en miseria. Mozambique, que se atreveu mesmo a poñelo na súa bandeira, converteuse inmediatamente no país máis miserable do mundo.
A AK-47 mesmo sobreviviu ó seu mentor, a URSS, e agora xa non é nin sequera o fusil do socialismo senón a ferramenta do terrorista suicida, o talibán barbudo e o vendedor de “crack”. Diríase que o AK-47 cambiou de ideoloxía, pero en realidade nunca a tivo, como non a ten ningún arma. É un mercenario que se serve a quen a compra.
Acabo de ler unha entrevista con Mikhail Kalashnikov, o home que inventou o AK-47. Ós seus oitenta e tantos anos falaba xa sen entusiasmo ningún deste fillo seu xa sesaxenario que leva o seu apelido. Curiosamente, o home estivera preso nun campo concentración baixo Stalin e inventou a arma en parte para comprar a súa liberdade. Nunca se sentira culpable, di, de ter inventado unha máquina de matar. E sen embargo, hai pouco, decidiu que si se arrepentía de ter traído ó mundo o AK-47, cando viu en televisión ás imaxes da matanza da escola Beslán, na que no fogo cruzado entre os terroristas chechenos e a policía rusa morreron ducias de nenos inocentes. Ese día, o AK-47 estaba en mans dos terroristas e os policías por igual, sorrindo do seu sorriso torto, como se presumise cínico de que as armas non teñen alma.
|