.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Políticos e codornices
Miguel-Anxo Murado
XA O advertiu o presidente Bush hai pouco: A Casa Branca vaise volver máis agresiva. E xa se ve que si. Por exemplo, o vicepresidente Cheney acaba de arrearlle un tiro a un tipo nunha cacería. Queda claro o do endurecemento. O que non esperábamos era que os propios altos cargos da Casa Branca tivesen que dar exemplo nin que Cheney se fose converter no primeiro vicepresidente norteamericano en disparar contra alguén desde que o vicepresidente Burr matou en duelo ó secretario do Tesouro Hamilton, en 1804 creo.
Afortunadamente, Cheney ten peor puntaría que Burr e o home só está ferido. Ademais, en principio todo apunta (mellor sería cambiar este verbo) a un accidente máis que a un atentado. O que pasou é que o vicepresidente andaba ás codornices en Texas e, segundo a versión oficial, outro cazador (un tal Whittington) foise meter entre o duro Cheney e a súa presa, algo que non se debe facer nunca. Sobre todo tratándose de Cheney. O resultado é que Whittington recibiu un disparo, para horror do séquito vicepresidencial e, supoño eu, alborozo das codornices.
Vale. Está claro que non había intención criminal neste caso, porque Whittington é un importante patrocinador das campañas políticas de Cheney (outra cousa é o que vaia votar nas próximas eleccións). Pero o que me interesa do asunto é o razoamento exculpatorio de Cheney, e que é pura metáfora política. Os cazadores que coñezo dinme que cando fires a alguén, a culpa é sempre túa, porque tes a responsabilidade de asegurarte que non lle vas dar a ninguén (excluída a codorniz, ben se entende). Sen embargo Cheney, coherente coa súa idea de que os inocentes están sempre mal colocados cando se bombardea un país, guíase aquí o mesmo principio. E por certo que con similares resultados, porque a codorniz voou, seguramente camiño do lugar onde se atopa Bin Laden, e o inocente Whittington, en cambio, acabou na UCI, onde din que está “fóra de perigo”, non se sabe se referíndose á súa condición médica ou ó feito de que Cheney está xa a centos de quilómetros en Washington.
En definitiva, que Cheney, que sempre se confesou partidario do “disparar primeiro e preguntar despois”, e da pena de morte e da libre disposición de armas, parece que logrou aquí, sen dúbida inconscientemente, xuntar todas tres cousas na súa vida privada. Unha vida privada que, polo que se ve, é tan parecida á súa vida pública.
|