Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Le Corbusier en Clichy

Miguel-Anxo Murado

DÍAS tranquilos en Clichy. Así titulaba Henry Miller o seu libro sobre a felicidade de vivir nas aforas de París. Claro que aquel Clichy non era este das noticias destes días, o Clichy dos disturbios e a violencia. Todo menos tranquilos son os días de Clichy-sous-bois, o banlieu, onde os netos da inmigración despachan a súa furia adolescente cos autobuses, coas escolas, cos bombeiros… Algúns din que porque son os símbolos do Estado. Quizais a cousa sexa menos sofisticada: Como os coches, simplemente, é o que está máis a man.

Como cada vez que hai unha catástrofe, os profetas (sociólogos, psicólogos, arquitectos e urbanistas) toman as tribunas. Hai que facer algo, din, por mellorar as condicións de vida nestes barrios marxinais da periferia das grandes cidades. E levan razón. Pero o observador fatalista (eu, quizais) non pode evitar lembrar que estes barrios terribles foron xa, no seu momento, o resultado doutro intento de mellorar as condicións de vida na periferia das grandes cidades. Eses banlieus creáranse precisamente como unha resposta socialmente sensible ó problema da escaseza e o prezo da vivenda na Francia dos anos cincuenta, á que acudían non só centos de miles de inmigrantes africanos senón tamén o millón de “Pied noirs” repatriados de Alxeria. Foron a obra, xustamente, dos sociólogos, dos psicólogos, os arquitectos e urbanistas de entón.

Por exemplo, reinaba daquela en arquitectura o reverenciado Le Corbusier, unha especie de Mao suízo do urbanismo que cría que o ángulo recto contiña o secreto da felicidade social. Coa complicidade dos gobernos, Le Corbusier e os seus seguidores encheron o mundo de pesadelos como Brasilia, un escalofriante deserto urbán que a selva vai devorando piadosamente cada ano. Proliferou seu estilo de casas sobre pilotes de formigón, de aspecto uniforme, superpoboadas de apartamentos e ascensores avariados,. Estendeuse por todo o mundo, desde Kishasa ata a Avenida de Ramón Ferreiro en Lugo, como un decorado de obra existencialista.

Como todos os pensadores totalitarios, Le Corbusier soñaba cun mundo inhumano, paranoicamente regulamentado, felizmente impersoal. O resultado é Clichy, un lugar que, independentemente dos disturbios, de repente, descubrimos como o inferno que é, que sempre foi. Quen sabe se xusto antes de que os nosos profetas inventen outro novo.

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 10-11-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................