.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
A City
Miguel-Anxo Murado
A CITY de Londres é ese espazo urbano onde antes vivía Shakespeare e agora están os solares máis caros do mundo. Sobre eles álzase un bosque de cristal aínda máis máxico que aquel no que o dramaturgo situaba o seu Soño dunha noite de San Xoán. Aí, neses altos edificios dos bancos e as aseguradoras londinienses, tamén o amor transmútase en odio e o odio en amor, como lles pasaba a Titania e a Demetrio na obra de Shakespeare; pero ademais prodúcense outras transformacións milagrosas. Se es, por exemplo, un armador, e vas a un bufete de avogados en concreto, e depositas alí cartos en cantidade suficiente, óbrase o prodixio de que uns mariñeiros recuperen a liberdade en Somalia.
Como pasa cos trucos de maxia realmente bos, a maneira en que isto sucede é un misterio absoluto. Ninguén sabe por que nin como estes cartos chegan ás mans dos piratas somalís. Mesmo prodúcese un estraño fenómeno, similar ao que experimentaban Titania e Demetrio despois da noite de San Xoán: ningún dos implicados, sexa o armador en cuestión, os gobernos ou os avogados que mediaron, lembran nada do que pasou. Estes avogados, que van disfrazados de ingleses, co seu bombín e o seu paraugas, tan só se estiran un pouco as mangas da camisa e póñense a falar do Dow Jones ou do Nasdaq como se tal cousa. Ata pode que lle ofrezan máis adiante un crédito ao armador arruinado, finxindo que non o coñecen de nada, e mesmo estarían dispostos a asegurarlle o seu barco para a próxima vez.
Os Monty Python fixeron hai anos unha película (O sentido da vida) na que o edificio dun banco da City racha amarras e bótase a navegar por Londres cos seus empregados convertidos en corsarios. Non era unha fábula, só unha esaxeración. Como ben se viu con este asunto do atuneiro “Playa de Bakio” existe realmente un fío dourado que une aos bufetes de avogados da City cos acochos dos piratas de Somalia, mesmo se ese fío non é máis que un número de móbil e un número de conta (porque no mundo da maxia financeira, como no da maxia en xeral, todo se expresa en forma de cifras). Mais aínda:posiblemente, se tirasemos do fío que asoma naquel banco, naquela aseguradora ou naquela oficina, sairía un crime, igual que turrando das redes sae o atún. E é que, como dicía Ambrose Bierce xa no século XIX, a piratería non é máis que a economía tal e como Deus a trouxo ao mundo.
|