Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

A Dama

Miguel-Anxo Murado

Os ilicitanos póñense furiosos cando lles dis que a Dama de Elche é unha falsificación do XIX. E non hai para tanto, porque iso é xustamente o que ten de interesante. Que unha obra de arte chegue ós museos non é un mérito. Mérito o dese solitario escultor catalán (unha teoría apunta ó taller Pallàs i Puig) que conseguiu labrar unha peza non só moi fermosa senón tamén moi antiga, o que é máis difícil aínda.

Agora a Dama regresa a Elche para unha exposición de seis meses, que é como se volvese á aldea de vacacións, e o asunto dá para o xénero da fotografía política (Carmen Calvo, que non vai estar en Elche, conseguiu que convertésemos en noticia a embalaxe!). Pero segue vixente o tabú. Ninguén menciona sequera a polémica que sempre rodeou a peza. E isto non está ben, porque foi precisamente esa polémica o que a fixo famosa. Como no caso da Dama das Camelias, a súa contemporánea, era xusto esa reputación dubidosa a que excitaba ós homes e ós arqueólogos. As estrañas circunstancias do seu descubrimento, cando pasaba por alí o gran especialista da época M. Paris, o sospeitoso bo estado de conservación, a falta de oxidación, a estética claramente moderna… As dúbidas eran moitas, e téñenas exposto con detalle Nicolini, Ramírez Domínguez e Moffit (El caso de la Dama de Elche. Crónica de una leyenda, 1995), pero non importou: a peza era fermosa, e única. E isto abondou para que, igual que Margarita Gautier, a ilicitana de pedra vivise a efémera fama de París, nun recuncho do Louvre onde os connoisseurs a ían ver para opinar.

Seguramente houbese caído no esquecemento de non ser pola Guerra. Franco necesitaba desesperadamente Historia para enganar a fame, e a Dama volveu en 1941, brazo en alto (Franco cambioulla a Petain por outros cromos). A partir de entón, a Dama foi o equivalente pre-indoeuropeo de Raquel Meyer: o símbolo da raza que pregoaba a idea de España desde as caixas dos mistos, os selos de correos e os billetes de peseta. Ata que nos anos setenta apareceu unha rival, a Dama de Baza, esta si nunha escavación seria. E os arqueólogos tusiron nerviosamente porque non se parecían en nada. Foi como cando a unha folclórica lle sae outra máis nova e máis guapa, só que aquí era máis fea e máis vella e ese era o problema. Desde entón, a de Elche levaba unha vida discreta. Gustoume vela estes días. Prodúceme a tenrura das vellas actrices retiradas.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 18-05-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................