.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
A imposibilidade da desculpa
Miguel-Anxo Murado
QUIZAIS o que máis sorprenderá ao profano neste rifi-rafe entre presidencia venezolana e monarquía española non sexa o enfado, senón máis ben o “tuteo”. “¿Por qué no te callas?” preguntara retoricamente o rei, “¿Qué tal estás?” preguntoulle onte Chávez ó principe Felipe en Bós Aires. A política é así, como nunha película sueca ou xaponesa: non importa o que un vexa na pantalla, hai que ler os subtítulos para saber que pasa. E os subtítulos din que o conflicto non é político.
Ogallá o fose. Entón sería fácil resolvelo, sexa mediante unha negociación, sexa cunha ruptura de relacións, que é un xeito de resolver tamén. Moitos pensan que habería que facer isto último xa, dadas algunas das declaracións de Chávez. Pode ser, pero o prezo podería ser máis alto do que pensamos. Romper con Venezuela en si apenas afectaría máis que ao Banco de Santander. Pero daquela habería que enfrontarse á reacción de países como Ecuador, Nicaragua, a complicada Bolivia, mesmo esta Arxentina ganancial que Cristina Kirchner recibiu do seu home… Ata Brasil e México poderían interpretar un xesto español nese sentido como un resabio de Hernán Cortés. Porque, en Latinoamerica, España ten mala imaxe desde hai cinco séculos e tan só leva trinta intentando mellorala…
Non, o conflicto non é político, por desgracia. É puramente personal, unha cuestión e orgullo entre dous homes que, por motivos distintos, non se poden desculpar. Populismo e Monarquía son institucións case opostas, pero comparten este rasgo: a imposibilidade do mea culpa. Tan só un Rei absoluto ou un dictador teñen dereito a ese xesto. Nin un monarca constitucional nin un presidente populista, en cambio, non poden falar por si mesmos. Son xogadores de “rol” que forzados a cumprir o seu papel.
De momento, o único que se pode facer é xustamente o que ven de facer o Príncipe mantendo a súa viaxe a Arxentina: finxir que non pasa nada. Con Chávez, xa o dixemos no seu momento, o Rei buscouse mal enemigo. Non polo que di senón porque o di seguido e non cala. Mais, posto que é Chávez quen se sinte a parte parte agraviada, cada encontro no que o Rei (ou neste caso, o Príncipe) o trate con distancia e respeto é unha victoria diplomática E así, aos poucos, e con algo de sorte, iremos saíndo desta situación absurda, desta tormenta nese vaso de auga de cristal delicadísimo de Bohemia que é a a diplomacia.
|