Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Aleación

Miguel-Anxo Murado

EN NOVA Orleans están construíndo un portaavións, o USS New York, que vai levar o no seu casco restos do metal que quedou das Torres Xémeas. Ese metal que se fundiu a mil graos na forxa do Terrorismo internacional e do odio absurdo irá agora nas entrañas dun barco de guerra, como quen leva un rancor no corazón.

Durante estes cinco anos debatérase intensamente en América como conmemorar a masacre de Nova York. Pensouse en monumentos, xardíns, cemiterios de pedra e mármore... Mais ó cabo, a idea é esta: unha lembranza armada que navegará polos océanos do mundo como un deses personaxes característicos do cinema norteamericano, o do tipo nervioso que vai dun lado a outro cunha pistola debaixo da chaqueta para vingarse de algo. Mentres, en cambio, no escenario do crime empézase a edificar outro rañaceos como un inmenso tótem moderno do esquecemento. Mágoa.

Unha vez lin que a cantidade de metal que se extrae da Terra cada ano é relativamente pequena e que a maior parte do que vemos é o metal reciclado de toda a Historia, o que sempre estivo aí. Na chave da nosa casa pode haber algo dun fecho da Bastilla e no coitelo de pelar a froita pode haber restos do puñal dun asasino. A rareza do bronce obrigaba a que, cando había guerra, en Europa se fundisen as campás das igrexas para facer canóns para volver a seren campás cando chegaba a paz. Quen sabe se as campás lembraban ter sido canóns e os canóns ter sido campás. O ser humano é igual de complexo: unha aleación entre sentimentos de piedade e de vinganza. E isto é o que, polo visto, vai ser o USS New York, unha aleación entre eses dous conceptos, o da piedade e o da vinganza.

Pero hai algo máis. Cando forxaban espadas, os antigos mestres espadeiros de Toledo ían superpoñendo láminas unhas sobre outras, uníndoas por medio do lume e a violencia, a golpes de martelo. Á primeira das láminas, a que ía no medio de todas as outras, chamábanlle “alma”, e eu imaxino a este navío de guerra cunha alma calcinada polo sufrimento. Pero tamén pola culpa. Porque non sei se os que propuxeron esta idea se terán parado a pensar que aquela masa informe á que quedaron reducidas as Torres Xémeas era xa de por si unha aleación do Ben e do Mal onde as víctimas quedaron mesturadas cos seus asasinos. Con esta alma inquietante, pois, navegará o USS New York polos océanos do Planeta.

 

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 02-06-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................