Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Mala métrica

Miguel-Anxo Murado

COMO SABEN, o goberno encargoulle á SGAE unha letra para o himno español.Moitos pensarán que o que tiña que encargarlle o goberno á SGAE sería máis ben unha auditoria, pero en fin… Aí temos a letra. Seguro que a estas horas xa a coñecen vostedes e quizais pensaron o mesmo que pensei eu cando a lin: que era unha broma. Pero polo visto non, vai en serio e a selección dun “comité de sabios” formado por musicólogos, recaudadores (non é maldade, é que non se me ocorre outra forma de chamar ós representantes da SGAE) e mesmo dunha deportista, non se sabe por que, e á que eu suxeriría facerlle inmediatamente a proba anti-dopping, á vista do resultado.

Pero non sexamos negativos. A letra ten os seus méritos. Para empezar, digamos que está a altura da música… e deixémolo aí. Tamén hai que dicir que é unha letra fácil de aprender. Os versos son tan planos e o vocabulario tan simple que ata un neno de oito anos pode cantalo (de feito, mesmo podería escribilo, quizais con algunha mellora). Para sermos exactos, máis que fácil de lembrar, esta letra é difícil de esquecer. Non é pegadiza pero é pegañenta, como as cancións de Bisbal, e posto que está pensada sobre todo para que a canten futbolistas quizais estea ben manter o vocabulario nun nivel elemental (tampouco é maldade, é que acabo de ver o informativo de deportes).

Hai outra cousa que me parece acertada: esa parte que di que o cantaremos todos “con distinta voz”. E tanto que si, porque os que decidan entonalo vanse atopar con que esta letra ten un serio problema de métrica. Intenten e verán que a palabra “democracia” entra con calzador. Para que a métrica cadre hai que dicir “democracía”, con acento na última sílaba, e aínda así vai moi malamente. É o que pasa cando se lle encarga a un funcionario da SGAE contar sílabas, digo eu: que non saen as contas... E o malo é que veña ser xustamente esa palabra, “democracia”, a que soe mal neste himno do nacionalismo sobrevenido que queren impulsar os dous grandes partidos. Esperemos que non sexa un sinal ominoso dalgún problema máis profundo deste himno. Mentres, eu, que creo que xa hai himnos bastantes neste mundo como para andar escribindo outros novos, quédome co de Pondal. Non é patriotismo, é que está mellor escrito. E salvo o problema da palabra “rumosos”, que sempre se sae do tono, como xa temos comentado outras veces, a métrica polo menos está correcta. Será porque non foi un encargo…

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................