Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Amorodos

Miguel-Anxo Murado

ALEIXANDRE MAGNO, na súa carreira tola por conquistar o mundo (a morte libroulle de decidir que facer logo con el), atopou unha resistencia inesperada ás portas de Gaza. A cidade lograba repeler un e outro ataque, e ata o propio Alexandre recibiu unha pequena ferida. O macedonio era un tipo de pouca paciencia, queríao todo e no momento (hai que comprendelo, era case un adolescente), así que mandou traer catapultas, e arrasou a cidade. Mandou pasar a coitelo a 10.000 defensores e vender como escravos ás mulleres e ós nenos. Non contento con isto, buscou ó comandante do destacamento que se defendera tan ben, fíxoo torturar e matar e logo persoalmente arrastrou o seu corpo nun carro tirado por cabalos brancos. Os que pensan que a violencia en televisión fai violentos ós pequenos teñen aí un precedente, porque Alexandre quitara esta idea da Ilíada, o culebrón favorito da Antigüidade, onde Aquiles fai o mesmo co defunto Héctor. Pero tamén os que cren que un bo profesor garante unha boa educación teñen aquí algo en que pensar: o educador de Alexandre fora un tal Aristóteles.

A sangue daquel comandante de Gaza non foi a que primeira que tinguiu a amarela area de Gaza. A última vez foi a semana pasada. Todos os lugares teñen unha historia de desgracias pero, en concreto, os estudiosos outorgan a Gaza o triste título de lugar máis disputado da historia. Máis de corenta exércitos a conquistaron e a abandonaron: Filisteos, israelitas, asirios, babilonios, exipcios, persas, romanos, árabes, cruzados, otománs, británicos, israelís… Non é sorprendente que “Gaza” signifique precisamente iso: “lugar invadido”. Eses exércitos foron cambiando, pero hai algo que non cambiou nunca: a figueira, o dátil, a oliveira e os amorodos, tan vermellos en Gaza que parecen pingas de sangue cando os miras desde a distancia. Porque en ningún lugar do mundo o vermello destaca tanto como na seca codia de Gaza.

O domingo outro exército abandonaba Gaza, por enésima vez na súa historia. Prendín a o televisor na madrugada do luns, nun hotel de Sevilla, sen son, e aínda antes de ver nada recoñecín a cor amarela, o papel de estraza que envolve Gaza. Un convoi israelí partía levando consigo as súas bandeiras dobradas e colocadas no fondo dos camións, coas caixas de munición. Axiña, uns labregos palestinos que os estaban observando corrían á posición abandonada. ¿Que facían? Nada. Querían plantar amorodos.

 

 

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 13-09-200
5
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................