Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

A muller do xuíz

Miguel A. Murado

DIE FRAU des Richters, “A muller do xuíz”, o libro que escribiu a principios do XX o gran escritor austríaco Schnitzler, tiña un narrador anónimo. En cambio, La soledad del juzgador, o libro que acaba de publicarse agora sobre o xuíz do 11-M, Gómez Bermúdez, non é anónimo en absoluto. Está escrito por Elisa Beni que resulta ser, ela sí, a muller do xuíz, a de verdade, que ademais é xornalista. E non só é xornalista: traballa no departamento de prensa da propia Audiencia Nacional… Se existe o incesto profesional, aquí temos un caso que, como pide o Pentateuco para o incesto, merece unha lapidación.

Vanitas, vanitatis, dicía San Felipe Neri (por seguir coas citas). Pero o santo da humildade quedouse curto dicíndoo dúas veces. Non coñeceu á xudicatura española, onde estamos vendo que se dá unha maiores concentracións de vaidade do mundo. Os xuíces da Audiencia Nacional (esa venerable institución franquista que se cadra haberá que quitar coas estatuas do dictador) desfilan como se estivesen na pasarela Cibeles. Garzón, Gómez de Liaño, Gómez Bermúdez, Grande Marlaska… Os seus nomes son case tan coñecidos como os dos futbolistas, e a este paso non van ser moito máis repectados. Gómez Bermúdez xa se parecía fisicamente a Ronaldo, e a este juzgador-jugador axiña o veremos organizando festas con modelos e chegando tarde ás concentracións, ou o que fagan os xuíces nas vísperas de condenar a algún tipo a galeras ou o que sexa.

Pero ¿como se lle ocorre a Gómez Bermúdez inspirar ou permitir que a súa muller lle escriba un libro? Xa hai protestas dos compañeiros e das víctimas, e non me estraña ¿Non lle parecía que xa había abondos sentimentos cos que lidiar na súa sentencia para inda por riba meter polo medio o seu ego? Do ego da tal muller do xuíz xa non digo nada. Se o xuíz demostra ter, precisamente, moi pouco xuízo, a redactora demostra ter, precisamente, bastante mala redacción. O libro está tan mal escrito que na primeira lectura eu quedei, por exemplo, coa impresión de que a quen xulgaban no 11-M era a Gómez Bermúdez (iso si, saía absolto).

Mellor Schnitzler. A súa historia, miren que casualidade, trataba dun xuíz que lle contaba á súa muller mentiras sobre os seus xuízos para quedar ben. Quédome coa última frase, onde un personaxe dille ó xuíz: “Xa viu, señor xuíz, que non está ben iso de xogar a ser o heroe diante do mundo, e especialmente diante da propia muller…”

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................