Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Aramida

Miguel-Anxo Murado

MOITOS DOS chalecos antibalas que se usan no mundo proceden de Bogotá onde, comprensiblemente, se desenvolveu unha industria local baseada no medo a morrer dun disparo. Así son as cousas e a desgraciada Colombia, que empezou como un feliz país de ollos verdes onde a terra daba esmeraldas como puños, é agora unha barriada perigosa de América do Sur e produce unha artesanía de traxes típicos nos que o material non é o liño nin o algodón senón o kevlar, que é o tecido máis forte que se coñece.

Entre todos eses talleres que abasten un amplo mercado de policías e delincuentes, de soldados e xornalistas, de víctimas e asasinos, destaca a boutique de Miguel Caballero, onde se fabrican réplicas de traxes a base de aramida, outro material antibalas que ven de Holanda e que é tan duro como o kevlar dos pobres, pero suave e lixeiro como os tulipanes.

A casa Caballero ten unha estraña política de empresa, consistente en que todos os empregados, completadas as prácticas, teñen que poñerse un dos traxes que fabrican e deixar que o garda de seguridade lles dispare directamente no corazón. Marx houbese contemplado estupefacto esta metáfora das relacións capital-traballo, na que o obreiro, literalmente, se fai fusilar polo patrón.

O caso é que durante o recente cumio euro-americano de Viena, fixábame eu nos traxes. Porque en Miguel Caballero é onde compran a roupa os presidentes suramericanos. Así como Blair, Putin e Clinton visten en Savile Row de Londres (tamén alí lle confeccionaban a Arafat os seus uniformes), Chávez, Uribe e Lula visten en Caballero Ltd., o Savlle Row dos líderes de países violentos. Nas fotos de Viena todos parecían igual de elegantes, porque Caballero cose imitando a Armani (tamén está suxeito á moda, mesmo á moda da munición, que cambia aproximadamente cada cinco anos obrigando a renovar as coleccións). Si, o corte era igual, pero un cego podería distinguir ó tacto ós presidentes de países pobres e países ricos.

Chávez, Uribe, Lula… Pensarán distinto pero os tres visten de aramida, e os noventa e dous deseños que fabrica Caballero son como as noventa e dúas maneiras de ser suramericano hoxe en día. Pensaba eu niso. Niso e en que mentres falaban e discutían en Viena, nun faiado de Bogotá un becario se facía pegar uns tiros para probar o modelo que van levar eles na próxima lexislatura.

 

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 25-05-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................