.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Armas
Miguel-Anxo Murado
O MEU avó José María tiña unha pistola. Como era médico rural nos anos corenta temía ós bandidos, e por iso a comprou. Moitos anos despois contábame que fora a peor compra da súa vida. Cando por fin un día uns encarapuchados lle saíron ó paso na serra de Meira as mans tremíanlle tanto que a arma lle caeu da man. Un dos homes recolleuna e devolveulla: “Dr. Murado” díxolle, “vaise mancar.” Eran da guerrilla e o que querían era que fose curar a un dos seus feridos. Esa pistola debe seguir por algún lado entre as cousas do meu avó, enferruxida; un arma que non chegou a dispararse nunca.
Pensba nisto mentres vía os debates na CNN americana sobre o dereito a levar armas, despois da masacre dese campus de Virxinia. Lembreime. porque, cada vez que quero crer que o mundo avanza en algo, penso nese feito de que eu non só non necesito un arma senón que nin sequera creo que me conveña tela, como lle pasaba ó meu avó. O grande paso da civilización europea non foi a Declaración dos Dereitos do Home, con ser importante (foi seguido dunha das peores matanzas da Historia, a Revolución Francesa) senón ese día, nunca celebrado, en que decidimos desarmarnos e conceder ó Estado o monopolio da violencia. Non quere dicirse que o Estado sempre usase ben ese monopolio, pero foi un avance xigantesco. Temos que mellorar a nosa fiscalización da policía, e a policía a súa persecución do crime, e temos que aprender a usar con máis prudencia a forza dos exércitos, pero uns e outros son un logro da civilización (“Coñecín a utopía dun mundo sen policía” dicíalle eu unha vez a un rapaz ácrata nunha discusión, “chamábase ex-Iugoslavia, e non me gustou”).
Estados Unidos presenta ese déficit de sentido común incomprensible. Nin sequera é certo, como se repite estes días, que o dereito a posuír armas estea consagrado na Constitución, que non fala máis que do dereito a “tomar as armas” (to bear arms) dentro “dunha milicia organizada” (a well regulated militia). Refírese ó que agora se chama Garda Nacional e forma parte do Exército. Pero nin sequera é ese, ó meu ver, o problema, nin tampouco a traxedia do campus de Virxinia, que é terrible pero non tan frecuente. O problema é educar constantemente a millóns de persoas do país máis poderoso do mundo na crenza de que a violencia é un dereito que hai preservar. Ata o meu avó, aquela noite na serra de Meira, comprendeu que iso é un erro.
|