.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
As caricaturas
Miguel-Anxo Murado
NUNHA cousa coinciden todos os que comentan o asunto das famosas caricaturas de Mahoma, tanto os que as consideran unha provocación como os que as que as ven indispensables. Uns e outros concordan en que o lío que se armou é monumental. Venlles ben. Para os primeiros, isto demostra que Occidente sempre mete a pata, e para os outros que o Islam é un caso perdido.
Pero nós, vostede e eu, que non somos nin islamistas nin subscriptores do Jyllands-Posten de Dinamarca; vostede e eu, que non cremos nin no choque de Civilizacións nin na Alianza de Civilizacións porque non estamos seguros de que haxa Civilizacións, ¿Temos que crelo sen máis? Non sei… Para un conflicto de dimensións planetarias non parece tanto. Haimillóns de musulmáns no mundo. Pensemos que practicamente todos souberon desas caricaturas e se sentiron ofendidos por elas, uns pola blasfemia en si e outros pola sospeita de prepotencia. Pero a maioría reaccionaron como o fan os cristiáns cando se meten con San Pedro: rosmando na casa diante do telediario. Só uns poucos centos manifestáronse nalgunha cidade europea e un par de tarados puxeron burradas en Internet. Pero Internet, xa se sabe, ás veces é como a porta dos servicios dunha estación de autobuses.
Que haxa que irse a Oriente Medio para atopar algo de carnaza o di todo. Certo, queimouse unha embaixada en Siria, un país (laico) que está case en guerra con Occidente, e outra en Líbano, que anda pensándose se ir á guerra civil. Canto a Gaza, créanme, non está para encarar debates coa serenidade dun Ateneo azañista. E que dicir de Afganistán, onde o raro é que haxa alí, vaia por Deus, unha guarnición norueguesa. Herat no é o Islam como os crucificados de Filipinas non son o Catolicismo, e sería frivolizar quitarlle importancia ó que a ten, pero tamén é frivolizar dárllela ó que non a ten, ir collendo de aquí e de alá incidentes separados por miles de kilómetros para pintar o apocaplipse que non foi.
O que quería o diario sensacionalista Jyllands-Posten era demostrar que en Dinamarca a comunidade musulmana (contra a que libra unha campaña xenófoba desde hai tempo) ía reaccionar violentamente se se publicaba unha caricatura do Profeta. Vale: Vai perdendo a aposta, e iso que levan pinchando desde setembro. Polo de agora, claro. Porque moi ben podía ser que o debate sobre as caricaturas acabe logrando o que non lograron as caricaturas mesmas. Pero entón xa non sería relixión, senón política.
|