Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Autobiografías

Miguel-Anxo Murado

XA DICÍA Winston Churchill que os “inimigos políticos” son os do propio partido. Os do partido contrario, aseguraba o home, que disto sabía moito, non pasan de simples “rivais”. E aí temos como exemplo esta polémica entre Esperanza Aguirre e o alcalde Gallardón, que sempre estivo aí, pero que agora volve saír relucir por causa da biografía de sí mesma que ven de presentar a presidenta da Comunidade de Madrid.

Como pouco, esta aventura literaria da Aguirre permítenos comprobar canto mudou este xénero da biografía. Antes, o biógrafo agardaba pacientemente á morte do seu obxecto de estudio, en parte por respecto, e en parte tamén por estar seguro de que ía ter todos os datos antes de empezar. Mesmo cando ese obxecto de estudio era un mesmo, ás veces deixábanse as autobiografías para seren publicadas postumamente. Así fixo o aventureiro Casanova, que non quería perxudicar a reputación das duascentas setenta e sete mulleres que menciona nas súas Mémoires (morreu pobre, hoxe houbese feito unha morea de cartos paseando polos platós); e así fixo tamén, por exemplo, Chateaubriand, que mesmo chamou á súa autobiografía Memorias de ultratumba, porque tampouco quería amolar a ninguén publicándoa en vida…

Mais agora a cousa é distinta. Polo visto, a autobiografía xa non consiste tanto en lembrar o que se fixo como en lembrar o que fixeron os demais e, lonxe de poñer os nomes dos implicados con iniciais e asteriscos, como facía Casanova, o seu é que vaian en negrita.

A da Aguirre empeza xa por ser unha autobiografía escrita por outra persoa, que é unha máis das características modernas do xénero, e non está tampouco pensada para ser póstuma senón, se acaso, para soterrar a outro (a Gallardón). A biografía desta muller non nos conta como foi senón como é, e, sobre todo, o que pretende chegar a ser (presidenta do goberno). Velaí toda unha renovación do xénero. Agora xa só falta que Gallardón lle encargue tamén a súa autobiografía a algún xornalista e así saibamos máis de Esperanza Aguirre. Porque, polo visto, a única forma de sinceridade posible na política é a maledicencia.

Sexa, pois. Quen lle ía dicir ó Partido Popular que, neste ano no tanto se opuxo á instrumentalización da memoria colectiva, ía acabar facendo tanto uso da memoria persoal, esa memoria colectiva en miniatura que tamén se coñece ás veces co nome de soberbia.


Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia :
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................