.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Automobilismo
Miguel-Anxo Murado
EXISTE unha actividade humana consistente en converter o exceso de velocidade en deporte: chámase automobilismo. O psiquiatra Reich sospeitaba que baixo o lanzamento de xavelina se ocultaba o desexo sublimado de asasinar, e quizais parte do interese do automobilismo para os espectadores estea precisamente aí: no disfrute vicario do que, en condicións normais, conlevaría unha multa considerable. Iso non é malo.
Certo que, como todas as actividades extremadamente caras (cada gran premio equivale máis ou menos ó presuposto dun par de países africanos), o automobilismo ten moitos detractores, que pensan, para empezar, que non debería considerarse sequera un deporte. Desde logo, é un dos poucos nos que o participante permanece sentado toda a súa vida deportiva; pero os seus partidarios deféndeno chamando a atención sobre a cantidade de deportes que tampouco o parecen, como o xadrez ou a esgrima, e levan razón. Máis aínda, somos moitos os que, sen sermos afeccionados, alegrámonos de que o automobilismo estea conceptuado como actividade deportiva, precisamente porque é unha das poucas que practicamos con certa asiduidade.
Dito isto, recoñezo que nunca logrei interesarme por outro automobilismo que non fose ese humildísimo que todos practicamos para desprazarnos.E, con todo, síntome chamado a escribir hoxe sobre Fernando Alonso e partecipar así no entusiasmo popular polo seu triunfo. Niso consiste, despois de todo, a fama: en que falen de ti sobre todo as persoas que non saben a penas quen es.
A Fernando Alonso eu coñecíao unicamente dos anuncios, nos que aparece invariablemente vestido de piloto pero facendo outra cousa. Nunca o vira correr. Onte vin un programa especial no que se facía un repaso da súa carreira, pero acabou no de sempre con eses programas da Fórmula I: unha montaxe vertixinosa de accidentes graves que che deixan coa impresión de que esas rodas que tanto se anuncian neses coches, precisamente, agarran mal, e de que o automobilismo profesional parece unha representación elitista dun fin de semana calquera nas estradas. Pero acepto que debe ser unha impresión errónea.
Alégrome, pois, do triunfo do asturiano en Rio. Para el os meus mellores desexos, sobre todo o de que non lle pase como a Ángel Nieto, que a partir do seu sexto ou sétimo título xa só se falaba del cando perdía ou caía da moto. A fama tamén ten iso.
|