.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Café de Beirut
Miguel-Anxo Murado
CANDO mataron ao primeiro ministro Rafik Hariri en Beirut iniciouse unha especie de culto nacional a este político-construtor. O Concello puxo, incrustadas no asfalto en metal, pegadas coa forma do seu pe que seguían o percorrido que fixera ese día fatídico que ía acabar cando varias toneladas de explosivos estouparon debaixo da caravana oficial.
Seguindo eses pasos onte en Beirut, fun parar ao Café de L'Etoile , onde Hariri fixo a ultima cousa que fixo neste mundo: tomarse un café. Senteime na mesma mesa e pedín eu tamén un café para contemplar a mañá libanesa: as mulleres elegantes que pasaban falando polos móbiles, medio en francés medio en árabe, os soldados que fan garda nas inmediacións do Parlamento xusto enfronte¿ Mentres saboreaba o café, ao meu arredor retumbaban as trades, que en Beirut soan como metralladoras, porque esta é unha cidade que leva non construíndose, senón reconstruíndose, desde os fenicios. Este lugar foi durante anos o punto cero da guerra civil do Líbano, a liña verde onde se intercambiaban disparos as infinitas faccións libanesas. E, sen embargo, onde había ruína e casquetes de bala, vólvense alzar hoxe maxestosos edificios de estilo tardootomano, imitación dos de antes de guerra. É un intento de abolir a historia por medio da arquitectura. E por un momento, un chega a pensar que Beirut atopou a paz.
Pero entón un fíxase mellor e ve xa balazos nas fachadas novas, e son balas recentes. Na entrada de todas as rúas, os soldados, protexidos por aramadas, cachéante e pídenche a documentación por temor aos atentados. Onte apareceron os corpos de dous opositores, torturados e asasinados¿ De repente, dun Mercedes cos cristais tintados baixa un político acompañado de dous gardacostas que miran nerviosos aos lados. Comprende un entón que a sensación agradable de calma da mañá e un engano, en realidade o produto do medo e dos controis, e que nesas casas tan fermosas e tan ben reconstruídas non vive ninguén.
E un pouco como o café de Beirut. Ao rematar a cunca e chegar aos pousos percibo un regusto amargo que me queda na boca. O camareiro trae a conta. «Ahlan wa sahlan» (benvido), di. E eu sigo o meu camiño sobre as pegadas de Hariri ata que rematan. Foi o lugar onde subiu a un coche para morrer. E miro en todas direccións, por ver se vexo cara onde marchou ou vai marchar o Líbano.
|