Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Español
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Big Bang

Miguel-Anxo Murado

O UNIVERSO comezou como un acto terrorista: cunha explosión descomunal. Como todo acto terrorista, foi irracional. Non sabemos por que. Se prendemos o televisor e seguimos co mando máis alá dos últimos canais podemos ver aínda o seu eco: os puntiños negros e brancos que tremen na pantalla son, din os científicos, restos da radiación de fondo, do ruído daquel estoupido de saída. O po que se levantou entón non rematou aínda de pousar: son os planetas, as estrelas, nós mesmos, que seguimos lanzados pola onda expansiva.

Naquela xornada inaugural do Universo o Big Bang fixo un reparto de papeis no que ós humanos tocounos o máis traballoso: somos a forma que ten a materia de coñecerse a si mesma, o único instrumento que lle permite observar os resultados da súa ocorrencia pirotécnica. Os políticos din que “o que de verdade interesa ás persoas” é comer, ir no coche e pagar a hipoteca, pero non é así. O ser humano precisa da supervivencia pero non está interesado nela; unha vez satisfeito o estómago e libre doutras preocupacións, o ser humano soña e filosofa. Como o mundo é tan inxusto que isto non é posible case nunca, pagamos un corpo especializado de persoas para que pensen por todos: son os científicos.

É comprensible que haxa persoas que se pregunten se o acelerador de partículas que comezou estes días atrás os seus experimentos merece o que custa, que é moito. Os científicos, un pouco avergoñados eles mesmos polo gasto que fan, falan vagamente de futuros beneficios. Non é verdade: a ciencia non existe porque sexa útil, existe porque a curiosidade é a característica esencial do ser humano. A mesma curiosidade que fai que algúns miren os programas do corazón, nos que se expón a mediocre singularidade dalgúns é a mesma forza que move ós físicos do acelerador de partículas do CERN. Simplemente, estamos programados pola Evolución para querer saber sempre máis e entre o chisme sobre o veciño e o experimento sobre as partículas elementais está todo o arco posible das curiosidades, amplo pero continuo. Como o 90% dos científicos que teñen existido na historia do mundo están vivos, nunca tanto se soubo pero tampouco nunca tanto se quixo saber. Se non fora porque o mundo parece que non dá acabado (non creo nos pesimistas nin nos apocalípticos), un chegaría a pensar que estamos a piques de descubrir a resposta á pregunta definitiva: ¿por qué?

  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................