.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Bush Rex
Miguel-Anxo Murado
QUE ALEGRÍA debeu levar ese can ó que Laura Bush convidou o martes a que asistise con ela ó discurso presidencial no seu palco do Capitolio. Se viron as imaxes do acto, seguramente non lles pasaría desapercibido (Ía dicir que era o único ser irracional que había por alí. Ímolo deixar en que era o único can).
A min paréceme ben, porque Rex, que é así como se chama o can, é un ex-combatiente da guerra de Iraq, un animal do exército que resultou ferido en xuño pasado mentres desactivaba unha bomba (ou algo así). E ten dereito a saber. A saber o que facía aló en Bagdad. O can parecía interesado. Bush falaba e falaba, e o can, polo que se vía nas imaxes, escoitaba moi atento todo o que o seu comandante en xefe dicía. Case bebía as súas palabras.
Recoñeceu Bush, literalmente, que “Estados Unidos é adicto ó petróleo”, e era coma un ex-alcohólico que recoñece a súa adicción ó alcohol. Só que aquí a solución era tomar aínda máis. O can asentía, mentres na súa mente de can daban voltas ósos, berros de “¡Senta, senta!”, paus polos que había que ir correndo...”¡A paz non se retira!” replicaba irado o presidente ós que suxiren que o exército norteamericano debería retirarse de Iraq. O can tamén asentía a isto. Claro, a paz non se retira. Despois, Bush emprendeuna cos que din que en Iraq non había armas de destrucción masiva: “non se pode andar pensando tanto as cousas”; e o can parecía que ata quería aplaudir coas súas dúas patiñas vendadas de pastor alemán.
O can miraba enfeitizado para Bush. Pero tamén Bush miraba enfeitizado para o can. E non era de estrañar. Das bancadas demócratas chegábanlle asubíos, e mesmo entre os republicanos houbo algo de incomprensión cando se referiu á Seguridade Social. Pero o can estaba sempre de acordo, e Bush acabou, sen darse conta, falando unicamente para el, para Rex.
Antes, o discurso comezara cun incidente. Entre os convidados da oposición estaba Cindy Sheehan, esa nai dun soldado morto en Iraq que persigue a Bush cunha pancarta por todas partes. No momento en que o presidente empezou a falar, púxose en pé a berrar algo que non se oíu, ata que a policía a tivo que levar da sala. O can mirou para o alboroto sen comprender. Na súa mente de can aquilo era incomprensible. ¿Por que protestaba aquela muller? Cando a levaron dalí, berrando e revolvéndose, Rex debeu pensar, “como ladra esa muller. Parece un can”.
|