Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Cancún e a seguridade

Miguel-Anxo Murado

A TRISTE historia de Ana María Ríos en Cancún só chegou a nós porque ela é tan obviamente inocente que se convirte en noticia. Se se tratase un “mochilero” ou un señor con pasaporte exipcio, poñamos por caso, nin oiríamos falar do asunto. Así que parémonos un momento e pensemos canta xente inocente debe haber nestes momentos nas prisións do mundo.

Igual que se nos pide que reflectamos sobre a nosa maneira de conducir cando hai un grave accidente de tráfico, hai aquí tamén unha lección moral que sen embargo ninguén nos anima a extraer: A de que insistir excesivamente na seguridade do Estado pode deixar indefenso ó individuo.

Para un político é fácil, despois dun atentado saír pedindo“medidas máis estrictas” para garantir a seguridade de todos. Pero temos que ser conscientes de que esa seguridade de todos ten un prezo, e ese prezo pode ser o da seguridade de cada un. O fácil é dar ós bancos a orde que de que bloqueen as contas sospeitosas, o difícil e logo que te borren dunha lista negra porque unha vez mandaches cen euros para o terremoto de Pakistán e alguén, nunha escura oficina, o confundiu cun donativo ós talibán. É fácil tranquilizar á xente prohibindo que se leven líquidos nun avión. O complicado é logo cando un ten que entenderse por medio de señas cun funcionario birmano que lle pide explicacións polo líquido das lentillas.

Cóntannos que gracias a estas medidas excepcionais se evitan mortes, e ata pode ser (aínda que tampouco estea tan claro). O que non nos din é que calquera de nós ten cen veces máis probabilidades de estar no caso da pobre Ana María que no dos infelices que morreron no 11-S. Por iso, deberíamos reflectir máis sobre que entendemos por “sentirnos seguros”.

Pero un dos problemas do ser humano é que ten demasiada imaxinación e, igual que cremos que nos pode tocar a lotería, cremos que o perigo que nos axexa son esas historias truculentas que vemos na televisión, cando a realidade é que esas traxedias tócanlle a moi poucos, o mesmo que a lotería. Á maioría, pásannos cousas máis simples pero que poden desfacernos a vida: que un banco nos fai un cargo equivocado, que alguén ten o mesmo nome que nós e comete un delito, ou que nunha viaxe de noivos caemos víctimas da colusión entre a maldade dunha mafia e a obsesión dun xuíz pola seguridade nacional. E disas cousas, estrañamente, non esiximos que nos protexan a penas.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 22-10-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................