Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

A fin do Capitán América

Miguel-Anxo Murado

Estados Unidos non só parece estar perdendo a guerra de Iraq na realidade. Tamén parece ser que a está perdendo na ficción. Nese mundo da imaxinación, os americanos acaban de sufrir una baixa importante: O Capitán América, abatido por un francotirador no último número do famoso cómic.Mal asunto cando empeza a perderse a guerra contra o terrorismo ata nas páxinas dos comics, onde os superheroes contan con e poderes especiais, en principio moito máis eficaces que, por exemplo, as resolucións das Nacións Unidas ou o Dereito Internacional.

En realidade, o Capitán América non morre en Iraq, pero é unha vítima máis desa guerra. Parece ser que o editor recibía moreas de cartas de lectores que lle pedían que o mandase a Bagdad para acabar coa resistencia iraquí, igual que no seu momento acabara co nazismo e co comunismo. Pero ó mesmo tempo outros tantos lectores escribían suxerindo o contrario: que o Capitán América loitase mellor contra a política do presidente Bush. E perante esta disxuntiva entre a mobilización e o golpismo, entre alistar ó Capitán América ou facelo pasar á oposición, o editor tomou unha decisión salomónica: mandou debuxar un francotirador que lle pega un tiro e o mata, que é como se lle rescinde o contrato ós personaxes de ficción. Punto. Ogallá as decisións políticas puidesen tomarse así de facil, cuns poucos trazos de lapis nuns minutos.

Recoñezo que nunca simpaticei co Capitán América. De neno, non me gustaban os superherois. Desafiaban tanto o meu incipiente racionalismo infantil como o meu sentido do ridículo: Todos eses tipos vestidos de sota de bastos, con capas de cores e antifaces, usando superpoderes a partir de elementos inexistentes no sistema periódico (a kryptonita ¿que parvada é esa? Pensaba eu ós oito anos). Supoño que, institivamente, o que detestaba era a arrogancia da forza, esa concentración excesiva de poder nun só individuo. A miña teima contra o Capitán América era, así o vexo eu, unha especie de antifranquismo naíf e inconsciente.

E sen embargo, como sucede con tantas mortes reais, esta morte imaxinaria dun debuxo empúxame por unha vez a falar ben do defunto, deste vello veterano que, querendo sempre representar o espíritu de América, finalmente o logrou ó converterse en metáfora do dilema no que se encontra ese país perante unha guerra que era innecesaria e agora é irresoluble. No mundo da fantasía, é como se xa se retiraran as tropas.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................