Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Chad, mellor calar

Miguel-Anxo Murado

AGORA QUE o comandante do avión do Chad está xa na súa casa e o asunto rematou ben, é un bo momento para a sinceridade. Era culpable. Así de claro. Polo menos, a súa detención estaba perfectamente xustificada, e presentalo perante un tribunal non era ningún abuso senón unha obriga das autoridades do Chad.

Un comandante dun avión non é un taxista que non ten responsabilidade ningunha se no asento de atrás viaxa un terrorista. O piloto dun avión de pasaxeiros ostenta un poder legal considerable, como o capitán de barco que pode casar noivos e facer arrestar polizóns. As aeronaves, como os barcos e as embaixadas, disfrutan dun certo grao de extraterritorialidade, o que obriga ó comandante a ter aínda maior coidado á hora de aceptar unha carga. Sen ter tanto poder, cantos camioneiros non hai nos cárceres españois en prisión preventiva porque lles atoparon droga no trailer…

Si, está claro que os tripulantes non sabían que estaban participando nun delicto grave, e de seren xulgados debían ser absoltos. Pero tratar o asunto de “secuestro”, como se fixo abundantemente na prensa española e francesa durante estes días, é hipócrita. Estamos a todas horas barullando indignados acerca dos “traficantes de persoas”, das mafias, da trata de brancas… Pero é só cando os sospeitosos resultan ser dos nosos cando de repente as leis nos parecen duras de máis. O son, pero o son sempre. Tampouco faltou estes días quen nos lembrase que o Chad é un dos países máis corruptos do mundo, e o é. Pero iso non fai menos delicto o que tentaba esta ONG, senón se cadra máis. Participar nesa corrupción, alimentala, tirarlle proveito e logo tratala con desprezo é unha actitude máis inspirada polo racismo que polo amor á democracia. E non quero xa nin pensar en como teriamos reaccionado se os nenos fosen españois e franceses e os secuestradores chadianos…

Si, Chad é un dos países máis corruptos do mundo e o seu sistema xudicial lamentable. Pero non é por iso polo que detiveron ó comandante español e á súa tripulación. Esa é máis ben a razón pola que os soltaron sen pasar por un proceso xudicial. Así que felicitémonos, porque a ninguén se lle pode desexar un mal trago así. Pero eses políticos e cidadáns que pasan o día pedindo cumprimentos íntegros de penas, peches de fronteiras e máis dureza nos castigos, farían mellor en calar durante uns días...

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................