Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Cidade

Miguel-Anxo Murado

DEBATEN estes días (neste xornal, na rúa) coruñeses e vigueses sobre cal é a grande cidade de Galicia, se Vigo ou Coruña; ou mesmo Santiago, se se pensa en termos distintos á poboación. Discuten, digo, eles, mentres o resto dos galegos observamos este derby con certa condescendencia.

Non é que os demais pensemos que Vigo ou Coruña, ou mesmo Santiago, non sexan grandes cidades. A nós todas parécennos moi grandes. O que non estamos seguros é de que sexan, precisamente, cidades. Polo menos distintas. Nós, os que non somos nin vigueses nin coruñeses nin composteláns, vivimos esa Galicia urbana coma unha gran cidade continua, xa se sabe, separada por espacios verdes, na que Coruña, Vigo e Santiago, e Lugo e Ourense non son senón barrios especializados, que os deuses uniron por medio de autovías, autopistas e paseos marítimos. Polo medio, andan en cambio o cuco e a vaca, o silencio dos piñeirais, o ruído da empacadora e a xente que non sabe o que é “grazas” pero que si conxugan ben o infinitivo. Son case que dous países, aínda que as fronteiras aínda se estean debatendo nun tratado imaxinario.

Os gregos chamaban Océano non ás grandes masas de auga, senón a todas as augas do mundo que estaban conectadas: regos, regatos e mares (e por iso arquipélago non significa “conxunto de illas” senón “conxunto de mares”), Océano era tan só o que non era terra. Galicia é algo así: dúas xeografías continuas que se enfrontan a unha a outra, deixando entre elas un campo de batalla ateigado de lavadoras avariadas e latas de gasoil, refugallos desa guerra de trincheiras que se libra nas beiravías das estradas. Esa guerra é antiga: comezou, seguramente, coa chegada dos romanos, en Lugo (eu mesmo nacín na primeira estrada que se fixo en Galicia, na vía XIX, que nos meus tempos chamábase xa “Rúa de Santiago”). É unha guerra que se libra a base de incendios forestais, inmigración e recalificación. Vai gañando a cidade, creo.

Non é que entre esas dúas Galicias, a urbana e a rural, sexa imposible a convivencia. Todo o contrario, existe un compromiso, unha especie de acordo de cesamento de fogo que prosperou aquí e aló: chámase feísmo arquitectónico e durante moitos anos, como os acordos de paz nos Balcáns, permitiu un entendemento sen que por iso se apagasen os lumes do conflicto. Evidentemente, como a maior parte dos acordos de paz, é insatisfactorio e non anuncia senón a guerra por vir.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 22-09-2004
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................