.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Clones poderosos
Miguel-Anxo Murado
A CIENCIA ficción deixou en moita xente temores que aínda persisten, mesmo cando non se confirmaron co paso do tempo. Enténdese por que. Ós grandes escritores de ciencia ficción tocáralles vivir nos anos trinta, que foi a década das dictaduras (menos en España, onde había democracia e a dictadura veu logo. Coméntoo porque ultimamente hai unha certa confusión na secuencia dos acontecementos). Digo, logo, que os escritores de ciencia ficción vivían nos anos das dictaduras e, loxicamente, imaxinaron que o futuro ía ser un mundo aínda máis totalitario, onde todos vestiriamos igual e estariamos permanente vixiados polo que Orwell chamaba o “Gran Irmán” . Enganáronse, mesmo na cuestión da roupa. Canto ó “Gran Irmán”, acabou sendo un programa de televisión no que non son os gobernantes, senón os gobernados, os que estudian a banalidade dos seus veciños.
Outro temor recorrente daquelas novelas de anticipación científica era a clonación. A idea era que os poderosos construirían un día un exército de escravos obedientes, todos idénticos. E tampouco isto pasou. De feito, se un mira a Polonia, sucedeu o contrario, porque alí son os poderosos os que son clones idénticos: os irmáns Kazinski. Agora, un deles acaba de perder o posto de primeiro ministro, pero o seu clon segue a presidir o país, polo que se pode dicir que, se ben Polonia cambiou de partido gobernante, segue mandando o mesmo ADN.
Pero quizáis o caso de Polonia tan só sexa o máis evidente, e se un se fixa, atopará moitos outros clones entre os poderosos, aínda que non se parezan tanto fisicamente. Tony Blair foi un clon de Bill Clinton, e José María Aznar de George Bush (ás veces, a clonación non sae ben de todo, e deixemos que cada un decida cal dos dous é o orixinal). Todos os políticos imitan a outros políticos, copian xestos, frases, ideas,, cortes de pelo… Son eles quen se parecen cada vez máis, mentes que nós, os que nos denominamos esaxeradamente cidadáns (a palabra significa “civilizados”) somos, polo contrario, cada vez máis diferentes e máis felizmente individualistas. Multiplícanse as asociacións, os grupos de interese... Por non falar das marcas de roupa. Enganáronse, pois, Orwell, Capek, H.G. Wells, Huxley e tantos outros. O sinistro exército de escravos obedientes, clonados polo poder, non existe. O que si existe é un exército de poderosos clones mandóns que, se cadra, non é moito menos sinistro…
|