.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Davos
Miguel-Anxo Murado
DE RAPAZ, en Compostela, diagnosticáronme o que parecía un principio de tuberculose (cuspía algo de sangue, logo non se soubo máis). Mentres gardaba cama, e xa postos, púxenme a ler A montaña máxica, de Thomas Mann, en parte porque era un tocho considerable que me ía durar a mínima convalecencia, e en parte porque estaba considerada como a grande épica da tisis. Levo moitos anos sen repasar o libro, e quizais as imaxes que teño gravadas del están aí ou non, porque é un libro que lin con febre. Así que non sei se é de aí ou é dunha historia de Bécquer o dos dous rapaces que se namoran escoitándose tusir a través dunha parede, e se está aí ou non o episodio dos dous enfermos que se baten nun duelo a pistola, un duelo doblemente absurdo porque ambos están desauciados polos médicos.
Acordeime daquela lectura de A montaña máxica onte, ó ler as noticias sobre o que dixo Bill Gates de que ía invertir unha parte da súa fortuna en acabar coa tuberculose no mundo. Ogallá. Acordeime polo lugar en que o dixo, en Davos de Suíza. É alí precisamente, como saberá o lector de Mann, onde transcorría a novela. Mann fora a Davos coa súa muller convalescente, e sucedeulle o mesmo que logo lle sucede ó seu protagonista: un médico local atopáralle unha mancha no pulmón . Na realidade, Mann foise correndo para Frankfurt a consultar cun especialista (logo non tiña nada, coma min), pero na ficción imaxinou que quedaba alí, vivindo entre a morbidez da enfermidade, a proximidade da morte e a paixón que esa proximidade provocaba, supostamente, nos enfermos. Na verdade, o que fascinaba a Mann de Davos era aquela reunión de xente rica que vivía, amaba e gastaba como se cada día fose ser o último.
Eu non sei se Bill Gates leería A montaña máxica ou non, pero quero pensar que ó mellor foi o espírito do lugar o que lle inspirou unha medida en principio tan xenerosa. Davos xa non é un hospital anti-tuberculoso, aínda que si segue sendo o lugar de reunión dos ricos e os famosos do mundo (Kofi Anan, Angelina Jolie, o propio Gates estaban alí estes días participando no Foro Mundial). Mais, como os deuses lares que veneraban os romanos, algo debe quedar flotando na atmósfera dos enfermos reais e imaxinarios que viviron e sufriron alí. Quizais os seus tusidos aínda se escoiten na noite, inquietantes como o ouveo dun lobo.
|