.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Doutor Francisco Franco
Miguel-Anxo Murado
NON ESTOU SEGURO. Non sei se é xusto quitarlle agora, diríamos que “a título póstumo”, o doutorado “honoris causa” que lle outorgou a Universidade de Santiago ó xeneral Franco nos anos sesenta. Isto, como saben, é o que ven de facer a USC. Comprendo os motivos da Universidade; e non só os políticos: A parte do incómodo que é contar cun dictador no cadro de honra, hai que recoñecer que a presencia deste intelectual en concreto baixa bastante a media académica; neste caso non a dos alumnos, senón a dos profesores.
Damnatio memoriae chamaban os clásicos a isto: borrar de todas partes o nome dun emperador, ou outro personaxe caído en desgracia, para que nunca máis ninguén o volvese mencionar. Fíxose con Calígula en Roma, fixérase con Eróstrato en Grecia. Con Eróstrato funcionou relativamente ben (só relativamente, xa ven que eu acabo de mencionalo), pero con Calígula, igual que coa maioría dos que padeceron a damnatio memoriae, salta a vista que non funcionou en absoluto… Pero na miña opinión, é peor para Calígula que nos lembremos del e do seu ridículo nome (significa “zapatiños”) a que nos esquezamos. E sen embargo a sociedade segue sen decidirse entre a moralidade de esquecer e a moralidade de lembrar. Como se querer esquecer e querer lembrar non fosen no fondo a mesma cousa.
Eu, modestamente, propoñíalle unha solución ó claustro compostelán: Deixarlle o “honoris causa” ó home de momento, se ben co compromiso de que presente unha tese de doutoramento (a través dun medium, quizais). A elección de tema de tese deixaríaselle ó propio Franco. Podería valer Raza, por exemplo, que é xa unha tese sobre si mesmo no ámbito da psiquiatría. Ou, xa que lle gustaba o cinema, darlle a posibilidade de facer a tese no departamento de Cine de Faculdade de Historia, co meu amigo Ángel Hueso; aínda que non sei se Ángel querería dirixirlle a tese a un alumno tan rebelde. Porque Franco era ben rebelde. Tanto que se sublevou contra un país enteiro cun resultado duns seiscentos mil mortos. Iso, por exemplo, baixaríalle moitos puntos no currículum. Así que tería que traballar moi duro, e dubido que lograse o aprobado. Problema resolto. Pero é só unha idea.
Mentres tanto, como digo non estou seguro de si está ben quitarlle a Franco o seu birrete. Visto o visto, de momento conformaríame con que non se lle dese a Teodoro Obiang un doutorado en Leis pola Complutense…
|