.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Eclipse
Miguel-Anxo Murado
UN ECLIPSE é, en principio, todo o máis preto que estaremos a maioría da fin do mundo. O sol, pensan os astrofísicos, apagarase algún día, dentro duns cantos millóns de anos, e será algo así. Ou quizais se apague de noite, entre as dúas e as catro, como Falstaf en Enrique V, á hora en que os médicos din que morren os que logran falecer de vellos, (e o sol é, sen dúbida, o ser máis ancián que coñecemos). Desde a desaparición da URSS semella descartada a guerra, e desde o Quecemento Global parece descartado o Diluvio. Así que ese apagamento é a forma máis probable entre todas as que pode adoptar a Apocalipse. Acertaron, pois, os antigos escandinavos: eles imaxinaban xa a escena final da longa traxicomedia da Humanidade así, cun lobo devorando o disco solar.
Aínda falta. Pero mentres chega, o sol xa vai facendo pequenos ensaios, pequenas probas de luces como se di no teatro, como a de onte en Pontevedra e Sudán, ensaios ós que os seres humanos asisten desde hai séculos con aprensión. Tamén agora. Antes era o terror antropolóxico, agora o medo oftálmico, propagado coma unha superstición, no sentido de que tamén é en parte real e en parte esaxerada.
Eu esquecérame. Ó acordar esquecera que o día ía ser un ovo de dúas xemas. Esquecera o eclipse. Pero axiña me decatei, ó asomar á ventá e ver que todo o mundo miraba para o Leste en silencio. É impresionante contemplar unha cidade, unha rexión, un Estado das Autonomías enteiro que dirixe a súa mirada a un punto concreto do Universo. Provistos de lentes especiais, mirando o ceo que se apagaba, parecía celebrarse unha proba nuclear. E o certo é que o eclipse será tamén, seguramente, o máis de preto que vexamos unha explosión nuclear. Porque aínda que os nenos o pinten sempre sorrindo, o sol é fundamentalmente iso, unha constante explosión nuclear, unha guerra nuclear gracias á cal existe toda a vida da Galaxia, a pouquiña que hai.
O eclipse chegou e marchou, con esa lentitude dos astros. Pero o verdadeiramente milagroso sucedeu logo.
Varias horas despois, mentres as gafas quedaran ciscadas por todas partes como unha estraña praga de cascudas, e sen que ninguén parecese decatarse, a luz empezou a marchar de novo, lentamente, esta vez de verdade.Era a noite, o eclipse que fai a terra sobre si mesma cada vintecatro horas, presidida por unha lúa fermosísima. Pero ninguén lle fixo o menor caso.
|