.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Epidemia
Miguel-Anxo Murado
As epidemias son unha das máis estrañas formas da solidariedade. Son o prezo que pagamos por vivir xuntos. Son o custe da amizade, da simple curiosidade, do amor. Por iso a corentena é tan difícil de poñer en práctica: porque vai contra a raíz do que o ser humano desexa, que no fondo non é outra cousa que estar acompañado.
Din os expertos que, para propagarse, unha epidemia precisa polos menos de trescentas mil persoas que vivan nun contacto permanente; se non, non hai masa abonda para transmitir os virus. Por iso as grandes pandemias non comezaron realmente ata que se estendeu o comercio moderno. A epidemia, de feito, é unha forma de comercio máis: un intercambio que fan os microbios para o seu propio proveito, non moi diferente do noso. Pero foron eles, os microbios, quen inventaron o capitalismo, do que nós non somos máis que uns pobres imitadores. A globalización dos virus precede á nosa en milenios, e a súa flexibilidade para adaptar a oferta á demanda deixaría en ridículo ao mellor dos nosos analistas de mercados. O microbio é un éxito; desde moitos puntos de vista, a forma máis exitosa da vida.
Nese capitalismo dos microbios nós non somos máis que o medio de transporte, as infraestruturas. O noso corpo é o seu mercado, a súa bolsa de valores. Non precisan construír autoestradas nin trens de alta velocidade nin aeroportos. Saben que nós as construiremos por eles. Como redución de custes é insuperable. O virus é o xestor case perfecto, o soño do defraudador de capital, a apoteose do inversor. Todos os seres vivos (animais, persoas e plantas) están ao seu servizo, nunha escravitude perfecta xustamente porque pasa desapercibida.
Mesmo canto miramos un cemiterio, contemplamos a obra dos microbios. Foron as grandes epidemias da primeira Idade Moderna as que fixeron imposible o enterramento dentro das igrexas e obrigaron a inventar o camposanto.
Falamos cheos de fachenda da nosa medicina, e é, de certo, un gran logro da humanidade. Mais o noso non é nada comparado co seu dominio da enxeñería xenética, infinitamente máis brillante que o mellor dos premios Nobel. Lévannos moitos milenios de avantaxe, e nós o único que podemos facer é recorrer ás vacinas: É dicir, chamar na nosa axuda a outros microbios. Tal é a dependencia que temos deles.
|