Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Espiritismo

Miguel-Anxo Murado

A DECISIÓN de onte da Xunta Electoral Provincial de Pontevedra de descualificar as papeletas das últimas eleccións “nas que non figure a data de orixe” parece unha decisión acertada, en vista das circunstancias. Tan acertada que en realidade dá medo. E dá medo porque de repente empezamos a ver na práctica o que xa sabiamos na teoría: a incrible chapuza que é a lei electoral, aquela lei que fixeron uns e abrazaron con entusiasmo os outros. ¿Pero é que ata agora se admitían estas papeletas? ¿É que ata onte valían estes votos que non se sabe cando saíron nin de onde, se cadra a decisión democrática dun home que votou non só despois de morto (que é algo ó que xa estamos afeitos) senón tamén despois de terminar o prazo, ou antes de empezar o prazo? ¿Qué máis sorpresas nos agardan? ¿Votos escritos a man nun papel de caderno? ¿Papeletas de cores? ¿Votos con remite do País da Fantasía, ou do Imperio Austro-húngaro? ¿Votos emitidos no futuro que chegan a nós desafiando non só as leis electorais senón tamén as da Física?

Un non pode por menos de lembrarse dese escano europeo que perdeu Camilo Nogueira por poucos votos, ou daquel outro que perdeu o Bloque tamén por causa do voto exterior (e non podemos dar exemplos doutros partidos porque xa sabemos que no Máis Alá a esquerda é a minoritaria, quizais porque nunca se preocupou de facer campaña).

Todo isto é unha falta de seriedade coa que, francamente, non contabamos. Como digo, nós xa estábamos afeitos a que votasen os defuntos que, tradicionalmente abstencionistas cando se trata doutras nacionalidades, son en Galicia un dos colectivos máis participativos. Pero críamos que polo menos aqueles mortos votaban dentro do prazo establecido pola lei. O que estamos a comprobar é que no mundo de Ultratumba hai tan pouca seriedade como no dos que, quizais cun punto de prepotencia, nos consideramos vivos.

O menos que podemos esixir é un pouco de rigor no fraude electoral. Partimos de que a lei está mal feita. Tan mal que é imposible evitar que voten persoas non moito máis galegas que Mao-Tse-Tung e con frecuencia tampouco moito máis vivas. Vale, pero que polo menos cumpran esa lei absurda e voten no prazo especificado. Por iso, a miña proposta de hoxe é que para as próximas eleccións a Xunta Electoral contrate un espiritista que lles explique ben o voto a esa masa de votantes que temos no outro mundo.

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 28-06-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................