Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Existencialismo

Miguel-Anxo Murado

Ía no coche, esta Semana Santa pasada, cando unha rapaza misteriosa me parou no medio da estrada para preguntarme se cría que ía morrer. Nos contos populares moitas veces aparece este personaxe que fai preguntas así e que en ocasións é a mesma morte disfrazada. Pero neste caso non era a morte senón outra clase de funcionario público: unha empregada da Dirección General de Tráfico que facía unha enquisa.

Eu pensara que era o comezo dunha fábula antiga, e resulta que era o comezo da fábula moderna da publicidade. En concreto, tratábase dunha nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico que pretende por este medio facernos reflectir sobre a inminencia da morte e a fraxilidade da existencia e así sermos máis prudentes na estrada. Despois de telo probado case todo, dende a persuasión amable á recriminación agresiva, dende o paternalismo á ameaza, agora a DGT recorre, pois, a unha arma inesperada: o Existencialismo. Xa que a Guardia Civil non consegue meternos o medo no corpo, pensarán, a ver se o logran Sartre ou Camus, por poñer o exemplo de dous apóstolos do pesimismo existencial.

Pero a algúns pásanos que de Sartre e de Camus xa só nos queda o escepticismo, e eu non sei, francamente, se a Filosofía triunfará onde fracasa a Policía ou se a Angustia Vital será un bo substituto da Seguridade Vial. Creo que estas campañas da DGT predican ós conversos, asustan ós que xa temen, e a proba é que, contra o que ás veces se di, non está demostrado que teñan a penas efecto. O imprudente, o temerario, son imprudentes e temerarios por natureza e non por ignorancia e aínda que é certo que o medo protexe (para iso o inventou a Natureza) o terror excesivo quizais sexa tan perigoso como a excesiva confianza. Dubido, en fin, que se neste país barroco no que todos os barrios pasean Cristos encravados durante a Semana Santa o problema estea en que non temos a morte suficientemente presente. Algunha outra explicación terá que haber, e ó mellor seríamos nós os que deberiamos parar á DGT no medio da estrada e facerlle algunhas preguntas incómodas. Máis, con todo e polas dúbidas, respondín disciplinadamente á rapaza:

“Eu creo que non vou morrer” dixen, “porque vou aparcar aí mesmo. ¿E vostede?”.

E entón, para a miña sorpresa, a rapaza palideceu. Seguramente, como case que todos os vendedores de certezas, pensaba que o que predicaba só se refería ós demais.

 

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 27-04-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................