Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Expolio

Miguel-Anxo Murado

HAI rúas que son como a xente: teñen unha historia e un carácter. Algunhas son optimistas (rúa do Progreso, Praza da Concordia) e outras, en cambio, parecen como esas persoas neuróticas condenadas a queixarse de todo e remoer no que os psicólogos chaman “sentimento de perda”.

Paréceme a min que isto é o que lle pasa a esa rúa de Salamanca na que se atopa o Arquivo da Guerra Civil e que ata onte se chamaba “Gibraltar” e que agora o alcalde decidiu rebautizar “Calle del Expolio” para protestar polo asunto dos famosos “papeis de Cataluña”. Así que a rúa, que ata agora se laiaba pola perda dun territorio en Andalucía que case ningún salmantino viu nunca, láiase agora pola perda duns papeis que case ningún salmantino leu nunca. Vale, pero a elección de nome parece bastante desafortunada, porque como o arquivo segue aí, os turistas van pensar que se refire non ó que quere o alcalde senón ó espolio que levou a cabo Franco. E é que os nomes das rúas son tamén como os das persoas, nunca se sabe: Un pon a un fillo “Xeneroso”, por exemplo, e logo vai e sae un rácano.

De feito, dá a impresión de que en Salamanca teñen moitos problemas ultimamente coa nomenclatura. Que eu me lembre, tiñan dúas rúas dedicadas ó escultor Mateo Hernández, ata que alguén se decatou e lle pasaron unha ó ventrílocuo Wences Moreno (merecidamente; chegou a traballar con Jerry Lewis en Hollywood). Teñen un “Paseo de García Lorca” que non se sabe se é unha broma cruel ou unha redundancia, porque está claro que ó poeta o pasearon no Barranco de Viznar. Pero é que ata o alcalde, que se chama Julián Lanzarote sendo alcalde de Salamanca, personifica esta mala elección de nomes que parece que aqueixa, digo, a esta cidade na que o anterior rexedor xa se chamaba Jesús Málaga. É como se estes políticos non estiveran onde deben estar. Asi non é estraño que, ó final, todo se converta aló nun problema nominalista que se quere resolver a base de bautismos de rúas.

Pero, como dicíamos, asrúas son como persoas. Unhas quéixanse por todo, como esta do “Expolio”, e non habería que facerlles caso. Outras en cambio parece que nos queren dar un bo consello, como quizais esa outra rúa na que desemboca precisamente a do “Expolio” e que, curiosa maxia dos nomes helmánticos, chámase “ Calle Tentenecio”. “Tentenecio”. É dicir: “Non fagas o ridículo”.

Migue-Anxol Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 23-02-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................