Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Español
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Ferruxe

Miguel-Anxo Murado

Durante o século XIX, o 2 de maio celebrouse de dúas maneiras: baixo os liberais, conmemorábase “o pobo de Madrid”; baixo os conservadores, en cambio, as celebracións concentrábanse en Daoíz e Velarde, porque estes militares daban a aquela kale borroka de 1808 un aire respectable. O tenente Ruíz, que tivo a desgraza de non morrer ese día senón o seguinte, quedou en segundo plano ata que a infantería logrou máis poder no exército que a artillería (Daoíz e Velarde eran artilleiros) e impuxo a súa lectura particular do pasado (Ruíz era de infantería).

Tamén Esperanza Aguirre intentou este ano unha lectura particular do pasado. Teño diante de min o folleto que repartiu a Comunidade contándonos o 2 de maio. “Los españoles se levantaron como un sólo hombre” di a presidenta no prólogo, esquecendo no seu entusiasmo ás mulleres. Entusiasmo é a palabra: máis adiante o texto di que a Constitución de 1812 foi a primeira constitución liberal de Europa, o que sería certo se non existisen antes a corsa de 1755, a sueca de 1772, as dúas norteamericanas, a polaco-lituana de 1791... por non falar das varias francesas, a belga e outra media ducia máis que agora non me veñen á cabeza, nin tampouco, polo visto, se lles viñan á cabeza aos autores deste simpático panfleto, entre pepero e rococó.

A palabra “heroísmo” sempre debería facernos sospeitar. Se un le aos historiadores e non aos políticos ou os novelistas, o 2 de maio foi un motín confuso, posiblemente sen significado político, provocado polo roce xenófobo coas tropas estranxeiras e o caos da orde pública. Non participaron máis alá de mil persoas (Madrid tiña entón 200.000 habitantes), e quen os reprimiron non foron só franceses, senón tamén as tropas españolas. O famoso bando do alcalde de Móstoles é un fraude perfectamente documentado: non o escribiu o tal alcalde, senón o feroz reaccionario Pérez Villaamil, quen ademais o redactou comodamente despois da guerra. Como moi ben soubo Goya, a contenda consistiu nunha guerra civil odiosa na que había españois e crimes tanto dun lado como do outro. Se os franceses fusilaron corenta infelices o 3 de maio, os españois asasinaron pouco despois catrocentos comerciantes franceses coas súas familias.

Non hai nada malo en conmemorar o pasado. Está ben celebrar a historia se é para divertirse, como fan os valencianos nos seus “moros y cristianos”, onde non pretenden representar ningún outro valor eterno que o do cachondeo. O demais, son sermóns e sables enferruxados.

  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................