.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
O fío do tempo
Miguel-Anxo Murado
OS ANTIGOS imaxinaban o paso do Tempo como un fío que corre nunha fiadeira, veloz, tolo, incontrolable. Así está representado no cadro de Velázquez, por exemplo, e niso penso cada vez que o vexo en El Prado de Madrid: no paso do tempo.
Tamén hoxe. Todos os anos por estas datas, se teño onde escribir, síntome convidado a escribir un artigo sobre o Tempo. O tempo que pasa, o tempo que transcorre. Despois de todo, Fin de Ano é a festa secreta do Tempo, un deus que ten día nos calendarios de todas as relixións, un deus rigoroso, lento e calado ó que todos redemos culto cunha xeira de rituais inventados por nós: o pratiño de uvas, as badaladas, a borracheira, o chocolate con churros. É un deus que se expresa por medio da linguaxe sagrada dos números e que se presenta cada ano para dar e quitar ó mesmo tempo.
Todos, cada vez que nos achegamos a estas datas, volvemos contraer a enfermidade do Tempo. Nos escaparates das papelerías aparecen as novas axendas, nos xornais iníciase o escrutinio do que ocorreu e na televisión sucédense as imaxes do ano que xa pasou. Estounas mirando esta tarde nun canal de televisión: de novo terremotos, explosións, berros, declaracións de homes poderosos, celebracións multitudinarias, obituarios e natalicios... O bo e o malo aparecen mesturados e confundidos, como na propia alma humana, que non é senón un complicado equilibro entre o que se quere e o que non se quere: A víctima dun accidente que se desespera vai seguida do grupos de amigos que celebran o premio da lotería nun bar, as imaxes da seca nunha terra cuarteada coma a pel dun elefante seguen as dunha cidade devorada polo mar, ás dunha nave espacial que despega coma suceden as dun mísil que descende sobre a terra. Así é a vida, como o emblema do teatro: unha cara que ri e outra que chora.
O fío do tempo.Vénseme á memoria un conto popular lituano (hai que ler de todo): Un personaxe explicaba a outro en que consiste a vida: Nacemos atados a un fío invisible, damos voltas, imos aquí e alá e o fío vaise enguedellando en moitos lugares e persoas. Ata que un día, o fío rompe. Pero mesmo cando rompe, dicía a historia, un pode tirar polo fío, cun levísimo golpe, e poñer en orde toda a súa vida. E pode, como Teseo no labirinto ou como un pescador de cana, ir atraendo cara si todo o que viviu, todo o que amou, todo o que foi.
|