.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Zapatero, Gambetta e o subconsciente
Miguel-Anxo Murado
HABÍA UN político francés do século XIX, creo que era Léon Gambetta, que posuía un raro don: Era ventrílocuo. Contan que lo empregaba para confundir ós seus adversarios no parlamento, facendo de verdade aquilo do que tanto se acusan uns políticos ós outros: De poñer nos seus labios palabras que eles non pronunciaran. Sempre pensei que esta era unha habilidade moi útil para un político, pero, que se saiba, Gambetta foi o único capaz de dicir cousas sen mover os labios. Todos os demais se caracterizan xustamente polo hábito contrario: o de mover os labios sen dicir nada.
Lembrei esta historia a propósito da, ímoslle chamar, polémica que se desatou polas ímoslles chamar declaracións de Zapatero no Cumio Euromediterráneo, cando un micro quedou aberto ¿Que recolleu o micrófono sen querer? Vostedes xa o saben, porque levamos dous días escoitando a gravación en todos os medios. O que dixo Zapatero foi: “sí, como sea” e “depende de lo que digan”. Fin. E estas dúas frases, tan cheas de contido, de matices e implicacións, polo visto, seguen sendo analizadas a estas horas polos expertos para desentrañar quen sabe se unha mensaxe cabalística ou satánica, ou cando menos unha clave que permita entender “o que de verdade pensa” Zapatero.
Existe un pouco esta idea de que o político, necesariamente, minte, e de aí esta curiosidade algo infantil por ver o que di cando cre que non lle escoitan. É a mesma clase de curiosidade que carreta espectadores a programas como Gran Hermano ou a “Cámara oculta”. E a mesma crenza que fixo tan popular o concepto do subconsciente freudiano: A de que somos unha mentira que oculta unha verdade ou unha verdade que oculta unha mentira.
Imaxino o que sería unha campaña electoral librada así, baixo a dirección de Freud, na que o lapsus se convertese na ideoloxía: “Manda huevos”, en letras enormes, había ser o slogan do PP, e “Depende de lo que digan” ía ser o do PSOE; Aznar comezaría os seus mitins como rematou aquel discurso en Europa: “Voy a daros el coñazo”; Bono trataría abertamente de “imbécil” a Tony Blair, como fixo en certa ocasión; e Rajoy daría paso ás rodas de prensa coas palabras: “Preguntad, gilipollas”, como fixo noutra. ¿Votaría moi distinto o noso subconsciente? Paréceme que non. Aínda que ó mellor si que ía aumentar algo o voto en branco.
|