Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Halloween

Miguel-Anxo Murado

COMO os Estados Unidos teñan tanto poder no outro mundo como teñen neste, xa nos podemos ir preparando, porque daquela está claro como vai ser o Alén: unha especie de xardín de infancia onde os defuntos se gastan bromas de Instituto, levan as cabezas atravesadas por coitelos, deixan arañas de plástico nos sillóns, mocos verdes nos pratos e todo un longo etcétera de productos fabricados nese país que, a xulgar polas súas exportacións, debe ser o que ten mellor humor do mundo: Taiwan.

En todas esas cousas, neses mocos, arañas e coitelos, e en moitas outras parecidas, é no que consiste a chamada festa de “Halloween” que, se viron algo a televisión nos días pasados, xa saberán que está experimentando unha grande popularidade entre nós tamén (e cando digo popularidade refírome a anuncios nos medios e fortes inversións dos comercios e as multinacionais da alimentación). Para aqueles a quen, en cambio, non lles soe a nada, diremos que é unha festa que celebra a idea do medo como concepto e que ten como posta en escena o mundo dos defuntos, entendido nun sentido moi amplo que inclúe o que poderíamos chamar “diversas sensibilidades culturais” como por exemplo vampiros, bruxas, psicópatas, calabazas iluminadas por dentro ou os sempre socorridos zombis... É dicir, non tanto os vivos que están mortos como os mortos que están vivos.

Este ano de 2005, por algunha razón, é o que escolleron todos eses seres para o seu desembarco por estes pagos, e aquí están aínda estes días (ó Halloween pásalle como ó San Froilán de Lugo, cada vez dura máis días), repartindo con cara de aburridos copas gratis para unha discoteca ou aturando a unha morea de pequenos nuns grandes almacéns. É unha primeira avanzada, e en poucos anos moito me temo que o zombi de Halloween será para nós tan familiar como xa é ese personaxe surrealista que compite polo control do Nadal cos reis magos.

Nós xa tiñamos o noso “zombi” cultural do día de Defuntos, que era a Doña Inés que se aparecía no último acto do Tenorio de Zorrilla; pero o modelo que propón o Halloween vai máis ben por algo parecido a Alaska. E tamén tiñamos a nosa idea do Alén, que en Galicia estaba previsiblemente relacionada coa idea da emigración (a Santa Compaña. Pero que se lle vai facer, quizais cada sociedade ten non só o mundo que se merece senón tamén o outro mundo que se merece.

 

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 03-11-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................